O preso galego viuse acompañado dunhas 20 persoas que viaxaron toda a noite da quinta feira dende Galiza cara Cáceres, onde tivo lugar o xuízo, na mañá da sexta feira.
caamanho estaba acusado dun delito de quebrantamento de condena por intentar fuxir, o pasado mes de febreiro, da prisión cacereña onde estaba recluído (agora está en Puerto de Santa María, en Cádiz) en prisión preventiva, agardando ser xulgado pola colocación dun artefacto explosivo en Compostela en 2005.
Concentración na Praza Maior de Cáceres
Na mañá da sexta feira unhas 18 persoas concentráronse, por volta das 8:30 horas, na Praza Maior de Cáceres, fronte á Casa do Concello, para apoiar ao preso independentista, que ía ser xulgado ás 10:00 horas. Segundo lle contou a Vieiros Joam Peres, do organismo anti-represivo Ceivar (que organizaba a marcha a Cáceres), había un gran despregue policial agardando a que comezase a concentración. No transcurso da mesma, pendurouse unha faixa nun lado da praza na que se podía ler "Liberdade para os presos independentistas galegos".
Durante o xuízo, as 18 persoas que conformaban o grupo que viaxou a Cáceres, puideron entrar na sala. Alí, Ugio Caamanho admitiu a súa culpabilidade por intento de fuga (pola que o fiscal lle pide 5 meses, a acrecentar aos 21 anos que piden na Audiencia Nacional), mais encadrou o feito nunha reacción á política de dispersión á que a Autoridade Penitenciaria o ten sometido, segundo contou Joam Peres. Ao parecer Ugio argumentou que el está inxustamente no cárcere, xa que non foi condenado por ningún tribunal, e criticou que non se estean a respectar os seus dereitos fundamentais, ao mantelo "en prisións afastadas de Galiza e do seu contorno familiar e cultural".
Despois de dúas horas, o xuízo quedou visto para sentenza.