A Administración creará unha Rede de Oficinas de Acreditación, xestionada tecnicamente pola Fábrica de Moeda e Timbre.
O Consello de Goberno acordou este xoves, na súa xuntanza semanal, a sinatura dun convenio de colaboración coa Fábrica de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a prestación de servizos de certificación da sinatura electrónica aos cidadáns, na súa relación coa Administración. Ademais, segundo o acordo, poderanse incorporar a este convenio as deputacións provinciais.
Deste xeito, a Xunta achegará 219.108 euros -146.072, en 2007, e 73.036, en 2008- para a creación dunha Rede de Oficinas de Acreditación na que se poderán obter os certificados electrónicos.
Implantación paulatina
Segundo sinalou o director xeral de Calidade, Xoán Xosé Gómez, a implantación destes centros comezará inmediatamente despois da sinatura do convenio -prevista para a primeira quincena de maio-, e o número de centros irá aumentando a medida que medre a demanda. De calquera xeito, o orzamento deberá estar completamente executado antes de rematar o 2008.
Os certificados, expedidos pola Fábrica de Moeda, serán válidos en todas as administracións públicas do Estado, e servirán para validar a sinatura electrónica. Pola súa banda, a FNMT-RCM encargarase da infraestrutura técnica e organizativa, da asistencia técnica e da actualización tecnolóxica.
Asemade, achegará os dereitos de propiedade industrial e organizativa, emitirá selos de tempo nas comunicacións electrónicas, informáticas e telemáticas (EIT) e achegará a tecnoloxía precisa para a constitución das oficinas de acreditación, así como a tramitación de solicitudes de emisión dos certificados electrónicos.
Rexistro e conservación das notificacións
Outras das obrigas da Xunta serán a emisión do recibo de presentación, no que conste data e hora de recepción das comunicacións, e a conservación da notificación, comunicación ou documentación emitida e recibida.