Máis de cen mil galegos xa contan cos novos documentos, que chegarán a todo o Estado a finais de maio.
Unha mostra do novo carné
Un de cada cinco carnés de identidade electrónicos do Estado expediuse en Galiza. Así, o noso país é a segunda comunidade autónoma onde se distribuíron máis exemplares do novo DI, cun total de 107.041, só por detrás de Castela e León, con case 150.000.
Dende a posta en marcha do novo modelo de carné, emitíronse algo máis de medio millón de documentos por todo o Estado. Segundo as previsións da Comisaría Xeral de Estranxeiría e Documentación, a finais de ano 2,5 millóns de cidadáns contarán co carné, e no 2008 serán 6,5 millóns.
Segundo o director xeral da Policía e da Garda Civil, Joan Mesquida, estes datos sitúan o Estado entre os primeiros en tecnoloxías de seguridade e de identidade. Na segunda metade de maio comezarase a expedir o DI electrónico en todas as comunidades autónomas onde aínda non estaba dispoñíbel.