As dores colocáronnas os deuses aos pes dos mortais, mais os bens moi lonxe de nós; no medio puxeron o esforzo (Posthoméricas, Quinto de Esmirna )
No balbordo dos pactos, dos alcaldísimos e dos vicealcaldes, das fotos que agochan no decorado o baleiro programático, lembro o defunto debate político sobre a reforma do Estatuto; debate esgotado cun enorme fracaso político, o que supuxo para o país non ter acadado un proxecto estatutario capaz de aglutinar aoredor do texto a vontade de ampliar o noso autogoberno.
Fracaso que no curto prazo parece non nos afectar, mais que amosa as carencias do mapa político galego, afogado por un turnismo compracente coas políticas económicas e sociais da globalización capitalista, turnismo conformista e temeroso cos procesos de transformación social (o cambio tranquilo que reclama Touriño, ou os ritmos indesexables do cambio para Quintana ) e por unha lei electoral imposta polo PP e a que o goberno bipartito non é quen de cambiar nun sentido democrático, que faga que cada voto sexa igual e que non condee á non representación as expresións políticas hoxendía minoritarias.
Semella que naquelas xuntanzas dos tres partidos houbo non pouco de oportunismo e circo mediático, en troques de traballo, contidos e vontade de chegar a un acordo. Algo falla cando á demanda cáseque unánime da sociedade galega a prol de conquerir unha reforma ambiciosa do Estatuto, respostaron os partidos presentes no Parlamento de Galicia cun sonoro e vacío entrechocar de verbas estériles, que son aquelas que non froitifican en nada, nin en cambios legais nin en xeración de consciencia. Os acordos non son en sí bos ou malos, dependen do contido e éste da capacidade das forzas en cuestión para acadalo. Non quedan en bo lugar as parlamentarias e parlamentarios actuais en relación cos seus antecesores constituíntes (Comisión dos Dezaseis que foi quen de conquerir para o noso país unha fórmula, a de nacionalidade histórica, que nos recoñecía semellantes ás nacións onde estaba máis desenvolvida a consciencia nacional), por ter estragado unha oportunidade para acadar un estatuto que reflicta a realidade da nación galega, asemade de procurar novos dereitos para a nosa cidadanía.
Obxecto de mercadeo
O Estatuto non é como dí a dereita política algo superfluo para o pobo galego, nen un obxecto de mercadeo por parte do goberno bipartito, o estatuto é unha ferramenta indispensable para mellorar as condicións de vida do conxunto da sociedade galega. Ferramenta para acercar ao goberno á cidadanía, para gañar competencias sobre cuestións que nós mellor que ninguén coñecemos e podemos solucionar, para gañar representación na Unión Europea, para desenvolver novos dereitos e pelexar polos actuais, para coadxuvar incluso á reforma territorial do Estado e que éste chegue a ser unha república federal...
O Estatuto non acadado reflicte especularmente algunhas das eivas que padecemos; espello insubornable devolvenos a imaxe real de nós, a pobreza e a falta de ambición social e nacional da esquerda parlamentaria. Úrxenos a pór enriba dos días traballo e propostas, cada un de nós no seu ámbito respectivo, para devolver a palestra política o debate acerca da reforma estatutaria, en clave social, nacional e federal, de dereitos sociais e liberdades nacionais. Tarefa preñada de esforzos mais fértil para o noso porvir como sociedade; a ela quedamos convocados en réximen de autoconvocatoria a causa do abouxador silenzo institucional que pesa sobre o noso autogoberno.
Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »