Resulta infame deter – a retención é un xeito de non dicir que non teñen liberdade – a unha persoa por unha cuestión administrativa. Dabondo valiosa é a liberdade como para malbaratala deste modo.
Anuncia o goberno do Estado que vai cambiar a lei de estranxeiría. Unha estaría tentada a pensar que será para facer avanzar os dereitos – poucos – que posúen as e os traballadores estranxeiros que viven no noso país, que pagan impostos, que non poden votar, e que acostuman desenvolver traballos con salarios máis baixos e en peores condicións que nós. Pero non vai ser así. O goberno quere cambiar a lei ( lei que produce irregulares administrativamente, lei policial e de control, lei que convirte en sospeitosos as persoas polo feito de nacer fóra ... e de ser traballadores ) para endurecer unha normativa de seu indefendible democráticamente.
Arestora a lei e o regulamento contemplan un prazo de até 40 días para manter internado aos inmigrantes en situación administrativa irregular. Ben, pois propoñen ampliar o devandito prazo. Dous meses, ou seis, ou 18... Tamén se permite internar a menores non acompañados e as detencións sen orden xudicial previa. Unha lexislación de excepción feita contra unha parte dos nosos veciños, unha lexislación contraria a calquer mínimo democrático. As persoas somos- polo feito de sermos humanos- posuidores de dereitos fundamentais, cómpre non esquecelo.
Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »