Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Infamia e barbarie na UE

10:20 26/06/2008

O 9 de maio de 1950, presentou Robert Schuman a súa proposta para a creación dunha Europa organizada, condición necesaria para acadar a paz nun continente que sufrira as dúas guerras mundiais. O texto afirmaba que a creación de bases comúns de desenvolvemento económico debería servir á mellora do nivel de vida e ao progreso das obras da paz, até chegar a unha federación europea. Verbas que hai anos que son contraditas polas políticas de dereitas que emanan de Bruxelas.

Ese soño de xustiza, paz e liberdade dunha Europa dos pobos quérennolo roubar. A maneira de roubárnolo baséase na redución da Unión Europea a un mero espazo económico onde se imporían as normas dun mercado todopoderoso, coas menos regras posibles (ou favorables ao capital ) e onde todo o resolva unha intanxible competitividade, a guerra de todos contra todos; guerra onde deixamos de ser cidadáns posuidores de dereitos e liberdades para reducírmonos a condición de consumidores indefensos diante dos grandes poderes económicos.

Nestas datas temos exemplos dabondo relevantes e importantes como para afirmar que daquelas políticas neoliberais o que xorde é a infamia e a barbarie. Vótase unha directiva infamante no Parlamento Europeo. Vótase afirmativamente. Serán máis os meses que poidan ter retidos – detidos, presos, na realidade dos feitos – os inmigrantes en situación administrativa irregular, e facelo sen autorización xudicial previa incluídos menores.

O Parlamento Europeo vai logo e vota ampliar a xornada máxima legal de traballo (das ilegais ou forzadas mellor non falamos ) até as 65-78 horas semanais. Doce, trece horas diarias de curro, máis transporte. Dous tercios do día adicado a que nos saquen sen anestesia a plusvalía, xa non só a relativa, senón tamén a absoluta. Semella que nos queren devolver os vellos relatos dickensianos, os das extenuantes xornadas de traballo, o paro, os baixos salarios, a carestía da vida... As organizacións sindicais de clase teñen diante unha esixencia de combater con toda a dureza necesaria semellantes atropelos. Ámbalas dúas propostas penduran sobre a clase traballadora europea e ameazan con dividila e derrotala aínda máis.

A desrregulamentación para as empresas tradúcese na realidade en menos dereitos para os traballadores e traballadoras e para as xentes traballadoras que veñen a Europa a traballar moito por apenas nada, a gañarse a vida. O sindicalismo de clase, a esquerda política e social temos o imperativo de confrontar coa Europa gobernada polas políticas neoliberais, a Europa da globalización capitalista que ergue muros interiores e exteriores e guetos de infamia.

O non irlandés vai nesa direción: os pobos europeos non queren as miserias das políticas neoliberais, queremos liberdades, dereitos e benestar, todo un programa político para a esquerda.

4,43/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...