Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Iolanda Díaz

Muller

14:01 11/07/2007

As cousas cambiaron fundamentalmente polo esforzo, a constancia e o traballo de moitas mulleres de xeito tal que na actualidade unha muller que desexe acadar unha responsabilidade política teno, alomenos na teoría, moito máis fácil que hai uns anos.

Polo tanto un obxectivo histórico conquerido... e ¿agora qué?. Luisa Muraro di : Gañamos e agora empeza o difícil. Clara Jourdan neste senso argumenta que o importante é o gañamos, rexistrar isto. E non é optativo, porque se non o asumimos o que aconteceu, o risco é perdelo; ou sexa que considerar que gañamos non conleva que xa non reste por facer; ao contrario. Conleva identificar os puntos da loita política axeitados ao momento de hoxe, puntos onde hai algo que se vai modificando, onde se pode gañar terreo no que nos importa.

Como muller, como feminista, que leva anos na loita política sei que moitas mulleres botan de menos que esa presenza nosa non se corresponda cun cambio na praxe, no quefacer político, que permita facer evidente que hai mulleres, cunha laboura que teña transcendencia práctica. Nas pasadas eleccións municipais notei que hai unha arela non colmada, de pór en primeira liña uns valores que tradicionalmente exercemos preferentemente nós, así o coidado da cidade, a humanización dos espazos, os lugares que permiten a relación, a protección do que hai... valores que se traducen en propostas que chocan frontalmente coas políticas sociais e económicas da globalización capitalista.

Sexuar a política

Sexuar a práctica política para gañar terreo no que nos importa, porque a cordura é vivir a partires do evidente, sendo o outro unha tolería, por inacadable, porque as mulleres e os homes somos diferentes. Dicir que somos iguais é unha fantasía con graves consecuencias para a relación cunha mesma e co resto; é máis claro dicir que non queremos discriminación polo feito de ser muller. Non existe necesidade algunha de sermos iguais, é máis, se o facemos perdémonos ambos, mellor dito, as mulleres exiliámonos de nós mesmas. Perdemos entón riqueza persoal, competencias, capacidades propias, e isto produce desorde simbólica, polo tanto manter as diferenzas é desexable por positivo e saudable. O indesexable é a discriminación por ser muller ou home. Gañar terreo é o importante: é un gusto que haxa tantas mulleres na política e que isto nos leve a comprobar a diferenza de estar unha ou outro, porque as mulleres que estamos creamos un estilo propio, cando nos soltamos e deixando circular esa forma de facer, que por propia, resulta menos estresante, simuladora, en resumo, máis saudable.

Pero como definir o propio sen que nos apareza a pantasma ás mulleres que nos consideramos feministas? Milagros Rivera Garretas apunta que a pantasma do feminino perseguiu e persegue, de xeito recorrente, ao feminismo. Perseguiuno en forma de muller que se adorna sen que saiba se é para sí, para ela ou para el. Persíguea en forma de muller que vai co teu noivo ou marido amosándose disposta a ceder en todo o que unha feminista non podería ceder. Persíguea, tamén, en forma de muller que non abdica do sentido que ten para ela o seu ser libremente muller, pero non loita senón que, sinxelamente, non cede e, ao non ceder, transforma a súa relación coa realidade, cambiando con esta práctica o mundo común.. Para algunhas das mulleres que hoxendía estamos na política está moi presente esta pantasma.

Impersoal e uniforme
Seguindo a argumentación de Clara Jourdan, cales serían os puntos de loita política axeitados neste intre? A políticas das mulleres estaría caracterizada polo non ceder do propio, ou sexa, a que non cede ren do senso que ten para ela o seu ser libremente muller; tal é o noso contributo para cambialo mundo, ter transformado a miña relación coa realidade política. No noso programa electoral constaba como un estar na política sen esquecer a orixe, porque elo faría posible poder ser orixinais nun ámbito tan gris, tan impersoal e uniforme como resulta esa práctica política representativa masculina: moitas liberdades persoais, illadas, baixo a lóxica de feroces relacións de poder.

A política das mulleres que non ceden un ápice do seu ser libremente muller ten que ver coa nosa capacidade de apertura ao outro, coa empatía, coa nosa capacidade de mediar, con pór en primeiro lugar a relación entre mulleres, cunha análise da realidade na que nos enfrontamos, a partires de nós mesmas e en relación coas outras. Alan Touraine recoñece que o movemento das mulleres creou o seu contexto e o seu terreo de conflito, que transformou a cultura enteira. Algunhas e algúns preocúpanse dos desenlaces que isto supón, até consideralo unha especie de enfermidade que caracteriza a nosa época, o síndrome do desentrelazamento; non se cae na conta de que cando non se cede un ápice do que para unha é ser libremente muller moitos enlaces non eran vencellos libres, asemade de que os desenlaces son efectos da liberdade feminina, é dicir, que o que se vai desenguedellando é un mundo construído sobre a non liberdade feminina, os restos do patriarcado. Cando cedemos ese ser libre muller e entramos na lóxica do patriarcado, do universo masculino de valor é cando os cambios, o acontecido é explicado como obra e efecto dos dereitos. Nesa lóxica que nos exilia de nós mesmas, interpretamos que unha muller é libre porque ten o dereito de elixir o que queira e moverse no libre mercado como queira e comprar o que lle pete. E ter cedido de seu semella que se poida concibir a liberdade feminina sen política, e sen política das mulleres. Porén é necesario loitar para que non se borre que é a toma de consciencia e de relacións o que leva á liberdade. E para que entendan os novos enlaces, o libre vincularse das mulleres.

3,11/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »



Anteriores...