Alguén terá que dicir que o rei vai espido, mellor dicilo en colectivo; dicir que os cortesáns adúlano de xeito interesado porque lles sirve para vivir sen dar pancada, e que nos apampa o muro de silenzo que hai sobre a realidade, pano real e abafante.
Alguén terá que dicir que falla a estrutura do modelo económico e social da globalización capitalista, que tras un decenio de fortes crecementos económicos no PIB ( ese crecer que supón a eliminación e malbaratamento da nosa terra ) a resaca dos mesmos sexa un enorme excedente pero terriblemente repartido: todo para o empresariado, e a perda de poder adquisitivo nos salarios reais das traballadoras e traballadores certificado pola central de balances do Banco de España.
Beneficios empresariais producidos polos traballadores e traballadoras e que non foron investidos en modernizar o noso aparato produtivo, en mellorar a estabilidade no emprego, en reducir a precariedade laboral, en transformar, en suma, un modelo económico aínda dabondo ancorado nos baixos salarios, a precariedade e a produción con baixo valor engadido. Polo contrario semella que cando volve a ruxir a crise : máis paro, inflación e carestía da vida, tornan outra vez a pedir que se afoguen co cinto os que xa estamos sen el. Petición mesturada coa esixencia de que compitamos con ferocidade entre nós, para o que non dubidan en alimentar un discurso xenófobo sobre a inmigración.
Mentres, precipítannos na crise os superbeneficios empresariais, nun trebón que ten que ver coa formidable maquinaria de enxeñería financeira que devora e pola que se van horas e horas de traballo, os soños da vida, as arelas da meirande parte da sociedade e as capacidades de autogoberno das sociedades. E arden polígonos industriais clandestinos, sen servizos e con empresas onde non hai dereitos sindicais ou de calquera outro tipo. U-la prosperidade de antes para os traballadores; só nos esixen os sacrificios de hogano.
Porén, serán as loitas polo emprego estable e con dereitos, o gasto social nos servizos públicos, os investimentos públicos contracíclicos, o investimento en gasto social, os que permitan pór as bases doutro modelo social, baseado na xustiza e a sustentabilidade, as que poden devolver a clase traballadora a confianza nas súas capacidades para producir humanidade, para enfrontar a barbarie da globalización capitalista, que xa non se anuncia, que xa está nos nosos centros de traballo, universidades, barrios... O rei vai espido e co noso traballo e porvir.
Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán . »