Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Enigmas en Pyongyang

12:00 16/07/2009

Afonda o misterio en torno a Kim Jong-il, o Máximo Líder do réxime norcoreano. Fontes de Seúl falan dun presunto cancro de páncreas en fase terminal, escenario que está espallando todo tipo de especulacións sobre unha posible sucesión de poder en Pyongyang.

Por contra, o réxime norcoreano difundiu inmediatamente unha serie de imaxes de Kim Jong-il, visitando instalacións militares, sempre rodeado do estamento castrense. A imaxe non deixa de ser simbólica, porque determina a real posición de poder do estamento militar nese país, como baluarte da estabilidade e, principalmente, do control do programa nuclear.

    Independentemente das fontes e das imaxes, así como do real estado de saúde de Kim Jong-il, apreciase unha forte presión internacional cara Corea do Norte, probablemente estimulada trala definición post-electoral do escenario iraniano, tomando en conta o represivo control dos aiatolás máis radicais e da Garda Revolucionaria (garantes do control do seu programa nuclear) da fracasada e prolongada rebelión dos sectores reformistas.

    Ninguén dubida da importancia estratéxica de Corea do Norte para o equilibrio nuclear e da seguridade no sueste asiático. Os recentes ensaios misilísticos norcoreanos apuntan á reconsideración internacional das prioridades de Pyongyang, especialmente ante o fracaso das negociacións sobre o seu programa nuclear, que inclúen a China, Rusia, EEUU, Corea do Sur e Xapón. 

    Mentres Beijing tenta revitalizar estas negociacións, o escenario global e rexional semella amosar unha faciana cambiante. Rusia e EEUU tentan equilibrar os seus arsenais nucleares e misilísticos, acordando apoios tácitos ante determinados intereses xeopolíticos dende o espazo euroasiático ata Asia Central. A crise política en Xapón, co adianto electoral para finais de agosto, anuncia un posible e histórico cambio político en Tokio, con claras repercusións no eido rexional. Cunha rebelión étnica na provincia de maioría musulmán uigur en Xinjiang, Beijing concentra a súa atención en aspectos de índole interna.

    Considerar se en Pyongyang haberá sucesión “dinástica” é un asunto aínda pouco perceptible, especialmente ante un réxime tan hermético, absolutamente opaco en termos informativos. Aínda así, fontes surcoreanas, xaponesas e occidentais comezan a perfilar ao fillo menor Kim Jong-un, de 25 anos, como o futuro sucesor do seu pai.

A celebración do 61º aniversario da República Democrática Popular de Corea, a realizarse en setembro próximo, podería determinar se, en realidade, está en curso unha sucesión de poder en Pyongyang, ante o presunto deterioro de saúde do Líder Máximo. Polo momento, todos son especulacións e cruce de informacións, con discutidas bases reais de sustentación. Unha perspectiva que afonda o misterio existente en Pyongyang.

3/5 (4 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...