Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A lección iraquí

19:50 22/03/2007

Cando George W. Bush deixe a presidencia en xaneiro de 2009, unha ollada aos seus oito anos de presidencia confirmarán cómo a crise desatada pola súa estratexia de invasión unilateral a Iraq permitiu fragmentar o sistema internacional e, ironicamente, reafirmar a debilidade do sector neoconservador en Washington na súa tarefa de reformular o mundo da posguerra fría e post-11/S.

Catro conclusións poderían derivarse desta decisión unilateral. A primeira confirma que crise de Iraq de marzo de 2003 permitiu ao polémico “trío das Azores” asestar un duro golpe á legalidade internacional defendida pola ONU. Mais graves aínda foron as revelacións posteriores das falsidades que Bush, Blair e Aznar utilizaron para xustificar o ataque contra o réxime de Sadam Husein: posesión de armas químicas e bacteriolóxicas e vínculos co terrorismo internacional.

O actual escándalo do “Plamegate” en Washington, que vincula a asesores directos do vicepresidente Dick Cheney, confirma ata que nivel estaba instalada na Casa Branca esta estratexia da mentira que xustificou unha guerra curta e deu paso a unha posguerra caótica.

O prezo político tamén foi elevado para o polémico trío: Bush está no seu punto mais baixo de aceptación política, mentres os republicanos perderon a maioría lexislativa no Congreso e o Senado; Blair está de retirada política inmerso nun escándalo de compra-venda de título nobiliarios; Aznar xa non está no goberno español como tampouco o seu partido, substituído por un goberno socialista cuxa primeira medida foi retirar as tropas españolas de Iraq. Todo isto sen contar as multitudinarias manifestacións globais en contra da guerra e da visión unilateral de Bush.

Unha segunda conclusión sinala que a primeira vítima colateral desta guerra foi a ONU, hoxe inmersa nun profundo proceso de reforma interna. A oposición de Francia, Rusia e China á guerra confirmaron tamén a necesidade imperante na configuración dun sistema internacional multipolar que avanza a pasos acelerados, constituíndo outro fracaso da estratexia unilateral de Bush.

Pero a poboación iraquí constitúe a principal vítima dunha ocupación militar que, ao menos dende a perspectiva estadounidense, non semella ter final. Por moito que a caída do réxime de Sadam Husein dera paso a unha prematura etapa de euforia, no Iraq actual resulta imposible cumprir as promesas de “liberdade e democracia” que realizara Washington pouco despois de finalizada a guerra.

O pesimismo é latente nunha poboación destruída e desamparada, a tenor das escalofriantes estatísticas que calculan en máis de 600.000 os mortos da posguerra, maioritariamente civís, sen contar os danos ás infraestruturas e o tecido social e económico. Unha ampla enquisa de medios occidentais sinala que un 80% dos habitantes do “triángulo sunnita” entre Bagdad e o centro-occidente, consideran a situación como “mala” ou “moi mala”, mentres aumenta o sentimento antiestadounidense.

En terceiro lugar, a prolongada posguerra está a posibilitar unha fragmentación territorial en Iraq e a sensación dun conflito sectario, todo isto dentro dun Oriente Medio cuxo pulso xeopolítico actual vai totalmente en contra dos plans iniciais elaborados por Washington e Londres.

A puxa entre kurdos, sunnitas e xiítas probablemente deseñe un Iraq segmentado en tres áreas territoriais, co cal resta lexitimidade ao goberno central defendido pola ocupación militar. Neste sentido, haberá que ver qué impacto rexional terá un eventual Kurdistán iraquí independente.

Trala guerra en Iraq, os cambios políticos democráticos en Oriente Medio viñeron dan man do islamismo político: Hamas en Palestina, Hizbulah no Líbano, Irmásn Musulmásn en Exipto e Xordania e outros os movementos islamitas avanzando no Magreb. A breve guerra entre o Hizbulah e Israel no Líbano no 2006 confirmou unha derrota militar israelí que tamén é unha derrota política para Washington.

Cun Irán avanzando como potencia xeopolítica eventualmente dotada de armamento nuclear, o polémico “eixe do mal” de Bush comeza a perder sentido. A administración estadounidense non tivo outro remedio que aceptar os canais diplomáticos e políticos para incluír a Irán e Siria dentro dunha plataforma rexional que posibilite unha posible estabilización en Iraq. Con isto, queda claro o fracaso diplomático de Washington en illar a Teherán e Damasco.

Como cuarta e última conclusión, a posguerra de Iraq servirá de algún modo para reformular un sistema internacional mais multipolar e multilateral. O eixe atlantista de Washington e Londres deberá tomar en conta a activa presenza global de China e India, o peso xeopolítico de Europa e Rusia e o ascenso de potencias menores como Irán, Brasil ou África do Sur.

Dentro dos actuais eixes xeopolíticos globais que se están formando directamente en contra da visión estadounidense, esta necesidade do multilateralismo avanzará dentro dun marco de equilibrio do poder baixo a legalidade dunha ONU reformada. A consecuencia da guerra en Iraq, é notoria a caída na credibilidade e influencia global de Washington, a tal punto que ser aliado estadounidense non constitúe ningún rédito político favorable para goberno algún. 

En abril de 2003, a bordo dun portaavións norteamericano, o presidente Bush declarou “misión cumprida” en Iraq. Catro anos despois, a súa misión está por terminar nun calamitoso final, cun Iraq mais inestable e sanguento e un mundo mais inseguro e incerto.

4,67/5 (3 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...