Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Palestina e a culpa europea

12:33 23/06/2007

¿É responsable Europa da traxedia palestina? A interrogante é oportuna para observar, desde outra óptica, o que está sucedendo en Palestina nos últimos días.

A fragmentación política e territorial en Palestina, cunha Gaza controlada por Hamas e unha Cisxordania dominada por Al Fatah, certifica un escenario que ten as súas raíces nos efectos exteriores da vitoria electoral de Hamas dentro da Autoridade Nacional Palestina (ANP) en xaneiro de 2006, especialmente ante a reacción que este resultado electoral provocou en EEUU, Israel e Europa.

A “traizón” de Europa
En primeiro lugar, o actual escenario evidencia o alcance dunha estratexia de acoso e boicot internacional contra un movemento, o Hamas,  considerado por Occidente e Israel como “terrorista”, pero lexitimado democraticamente nas urnas en Palestina.

Hamas nunca tivo opción real de gobernar na ANP porque os actores internacionais, principalmente EEUU, Israel e Europa, seguían apostando pola opción de Al Fatah, a fin de nivelar a correlación de forzas internas en Palestina e evitar a supremacía de Hamas. Este illamento internacional cara Hamas e a aplicación de embargos financeiros contribuíron a espallar o drama da poboación civil palestina.

Tacitamente apoiando esta política de “acoso e derribo” contra o goberno do primeiro ministro islamita Ismail Haniya, EEUU e Europa contribuíron a atenazar a posición de Haniya cara os elementos máis radicais de Hamas, esgotando os sectores moderados do partido islamita, quizais coa pretensión de minar unha referencia democrática para Oriente Medio desde a perspectiva do islamismo político e non dos partidos laicos afíns a Occidente, tales como Al Fatah.

En segundo lugar, a Unión Europea, membro do Cuarteto de Paz para Oriente Medio xunto a EEUU, Rusia e a ONU, amosou unha notoria ineficacia para deseñar unha alternativa diplomática de paz, que permitira balancear a preponderancia do eixe tradicional de EEUU e Israel.

Con Hamas no poder e o posterior embargo exterior, Europa pechou á ANP a posibilidade de abrir unha xanela ao exterior e un respiro financeiro, tras anos de estancamento nas negociacións de paz con Israel, que podería haber contribuído a minorar as tensións políticas e o padecemento da poboación civil palestina.

Europa aliñouse na senda deseñada por Washington e Tel Aviv de apoiar a Al Fatah e illar a Hamas, unha estratexia que no seu momento incluso chegou a especular coa provocación dunha posible crise interna na ANP destinada a desacreditar o goberno de Haniya, adiantar eleccións e permitir o retorno dunha dirección “renovada” de Al Fatah ás estruturas de poder da ANP.

A “palestinización” rexional

Con todo este escenario, resultaba obvio que a violencia se apoderaría dos territorios palestinos. Os combates entre milicias de Hamas e Al Fatah e a fragmentación xeopolítica territorial en Gaza e Cisxordania supoñen un pulso de poder interno favorable aos elementos militantes máis radicais de ambos bandos, así como visualiza unha maior rexionalización do conflito, en mans de actores externos con influencia na crise palestina, tales como EEUU, Israel, Irán e Siria.

Ante esta traxedia, a atribulada poboación palestina podería confrontarse cunha única opción: o exilio. Unha media de 10.000 palestinos abandonan anualmente Gaza e Cisxordania, ante a crise económica, a violencia sectaria, o aumento da criminalidade e a indiferenza internacional.

A posibilidade de conformar a figura do “palestino exilado”, probablemente tentado a marcharse a Occidente e outros países árabes sen posibilidade de retorno, aumenta o drama dos máis de catro millóns de refuxiados palestinos que amosan unha dura e terrible realidade en países como Líbano, Siria, Xordania e Exipto.

Exilados ou refuxiados, esta realidade non debe descartar, a mediano prazo, un posible intento de recolonización civil e militar por parte de Israel, principalmente en Cisxordania, mentres acelera o illamento de Gaza, cunha poboación que amosa un 88% de pobreza extrema, radicalizada polo dominio político e paramilitar de Hamas.

Nesta estratexia de illamento de Hamas participa agora o presidente da ANP, Mahmud Abbas, quen acusou a Haniya e as milicias islamitas de perpetrar un “golpe de Estado”. Non obstante, a ruptura anunciada por Abbas constitúe de por si un golpe contra o principal goberno dentro da ANP, controlado por Hamas.

Gaza contra Cisxordania?
Os peches nos canais de relación entre Hamas e Al Fatah, executados por Abbas e propiciados por Occidente e Israel, supoñen a culminación da táctica de illamento total cara o movemento islamita e a configuración dunha Palestina territorial e politicamente dividida, con mínima capacidade de reacción.

Con Gaza controlada por Hamas, Israel e Exipto observarían un “territorio islamizado” fronte ás súas fronteiras, desnivelando a correlación de forzas en Oriente Medio, cunha posible inclusión de Siria e Irán en Gaza, a través de Hamas, e de EEUU, Israel e Europa apoiando política, militar e financeiramente a Al Fatah en Cisxordania.

Esta especie de exercicio xeopolítico cirúrxico reproduce un escenario similar ao que sucede actualmente no Líbano, outro espazo territorial martirizado polos intereses externos e o fomento das tensións sectarias.

Todo este escenario conflitivo en Palestina, Líbano e Iraq, así como o reforzamento rexional de Irán e a reinsertación de Siria como actor de importancia, confirman o estrepitoso fracaso do plan de democratización para o Gran Oriente Medio concibido por George W. Bush no 2004.

Un fracaso que tamén salpica a Europa, porque o seu “poder brando” non serviu nin para modificar a unilateral dirección de Washington, nin para aliviar as penurias palestinas, nin para conciliar os conflitos que asolan Oriente Medio. 

3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...