Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Obama e as outras Américas

09:30 17/04/2009

Trinidad e Tobago celebrará entre o 17 e 19 de abril o V Cumio das Américas, un foro que reúne a 34 xefes de Estado e de goberno do hemisferio occidental, coa sensible e notoria ausencia de Cuba. O momento luce sumamente importante para dar curso a unha nova relación entre EEUU e os países latinoamericanos, en especial tomando en conta que será o primeiro cumio no que participará o presidente Barack Obama.

A ausencia cubana determinará, en gran medida, a dinámica deste cumio. As medidas de flexibilización cara Cuba decretadas por Obama o pasado 13 de abril, eliminando as restricións para viaxes e envío de remesas por parte dos cubano-estadounidenses, servirán como centro de discusión sobre a apertura dun novo tipo de relación entre Washington e A Habana.

Neste sentido, a decisión de Obama supón un claro golpe de efecto político dirixido a tomar a iniciativa no cumio das Américas, probablemente efectuado para evitar unha política de acoso por parte do presidente venezolano Hugo Chávez e o eixe do ALBA. Chávez viña concretando alternativas políticas comúns tanto co goberno cubano de Raúl Castro como dos seus aliados dentro do ALBA, a fin de premer a Obama neste cumio a finalizar un embargo de 47 anos, tan anacrónico como prolongado.

Na súa primeira cita hemisférica, Obama tentará repetir o seu éxito político alcanzado na xira europea de marzo pasado, onde acometeu os cumios do G-20 e da OTAN. Pero o presidente estadounidense deberá pulsar con prudencia o clima político que percorre América Latina, o cal demanda unha relación de maior equidade e equilibrio con Washington.

Obama ten dúas prioridades no contexto hemisférico, sendo estas Brasil e México. Co primeiro espera apuntalar unha relación estratéxica de carácter diplomático e comercial, achegándose a un país considerado a segunda economía continental e unha potencia emerxente no ámbito global. Un exemplo claro estivo en que, un días antes do cumio, Obama enviou unha carta ao presidente brasileiro Lula da Silva manifestando a súa vontade de reunirse cos presidentes membros da Unión de Nacións do Sur (UNASUR)

Con México, país que constituíu a primeira visita de Obama a unha nación latinoamericana xusto un día antes da inauguración do cumio, establécense prioridades mais de orde de seguridade nacional: loita contra o narcotráfico e a inmigración ilegal.

As outras Américas que coñecerá Obama en Trinidad dan conta dun continente politicamente plural y dinámico, con diversas tendencias progresistas e de esquerda, así como gobernos mais afectos á política de Washington en México, Colombia e Perú. Líderes como Lula da Silva e a presidenta chilena Michelle Bachelet e impulsores dunha revolución continental como Hugo Chávez e o boliviano Evo Morales, significarán retos políticos ineludibles para Obama. Países como Brasil, Uruguai, Ecuador, O Salvador, Nicaragua, Venezuela, Bolivia, Guatemala...están actualmente gobernados por presidentes focalizados cara a esquerda.

Cumpre tamén considerar a posibilidade dun encontro entre Obama e Chávez que permita retomar a normalización das relacións bilaterais, momentaneamente conxeladas tralo retiro de embaixadores en Caracas e Washington en setembro de 2008. A recente confrontación retórica impulsada por Chávez cara Obama foi, moderadamente, dando paso a unha maior comprensión que pode propiciar sinais de entendemento.

Con enfoques diversos, os países latinoamericanos demandan un novo tipo de relación con EEUU, tanto como o final do illamento cubano. A diplomacia cubana logrou ampliar as súas perspectivas de reinserción no contexto internacional a través de diversas visitas de mandatarios estranxeiros e altas personalidades políticas á Habana, así como grazas á cooperación venezolana.

Obama deberá escoitar esta mensaxe latinoamericana mentres afinca as bases dunha nova estratexia hemisférica, mais multilateral ca do seu antecesor na Casa Branca. Ampliación da democracia, crise económica e seguridade hemisférica será os temas prioritarios na axenda americana de Obama.

0/5 (0 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...