O liderado de Raúl Castro en Cuba comeza a cimentarse tamén no plano internacional. A recente visita do presidente ruso Dmtri Medveded á Habana, seguida da xira de Raúl Castro a Venezuela e Brasil, dan conta dunha avanzada diplomática destinada a rachar co illamento exterior da illa caribeña e reforzar os seus mecanismos de reintegración no sistema hemisférico.
No marco da súa visita a Brasil para o I Cumio América Latina e Caribe (CALC) o pasado 16 e 17 de decembro, Raúl participou nunha histórica xuntanza continental que, por vez primeira, reuniu a todos os países latinoamericanos sen contar coa presenza e influencia de EEUU e Canadá.
A importancia capital da reunión en Brasilia, e da presenza cubana na mesma, radica na participación de todos os países membros dos principais mecanismos de integración continental (con excepción do ALCA), sendo os casos do MERCOSUR, o UNASUR, o Sistema de Integración Centroamericano (SICA), o CARICOM caribeño e o ALBA. Neste sentido, o presidente brasileiro Lula da Silva acordou crear un “marco de actuación rexional” para reintegrar a Cuba como unha “prioridade para América Latina”.
Dentro deste marco continental, as variables diplomáticas de Raúl están determinadas, basicamente, por dous escenarios: o primeiro, de cara ao próximo presidente estadounidense Barack Obama e a posibilidade dun cambio de perspectiva nas relacións cubano-estadounidenses na próxima lexislatura na Casa Branca.
Na Habana existen múltiples expectativas de cara á posibilidade de que Obama adiante unha leve apertura cara Cuba. Declaracións públicas de Fidel e Raúl Castro, manifestando a vontade de reunirse co próximo presidente estadounidense, dan conta destas expectativas.
Paralelamente, o segundo escenario ilustra a necesidade cubana de acercarse a países considerados como “potencias emerxentes”, sendo os casos de Brasil, Rusia e China, sen esquecer a estratéxica alianza con Venezuela, na perspectiva de consolidar a posición cubana nun mundo en transformación. Así, Venezuela e Brasil semellan erixirse como os polos de afianzamento continental da paulatina reintegración cubana nos organismos hemisféricos.
Cumpre observar que a devastación causada polos furacáns Ike e Gustav o pasado verán, especialmente en materia de infraestruturas e desenvolvemento económico, constitúe igualmente un factor de incentivo tanto para a reactivación da diplomacia cubana como para a colaboración por parte dos países latinoamericanos na tarefa da reconstrución da illa caribeña e da súa reintegración no marco político e económico continental.
Este novo escenario para a diplomacia cubana ven igualmente sustentado pola posición da Unión Europea de suspender, en outubro pasado, as sancións contra Cuba vixentes desde 2003. Pode que determinados países europeos sigan observando obstáculos no eido da situación dos dereitos humanos na illa caribeña, pero a opción da apertura dos canais de negociación política coa Habana semella erixirse como o marco de actuación mais proclive para acercar posicións.
Resta por observar se o 2009 permitirá inaugurar unha etapa histórica nas relacións entre Washington e La Habana. Polo de agora, a diplomacia de Raúl Castro centra o seu interese en consolidar a posición cubana no plano internacional, con Brasil e Venezuela como actores clave no escenario hemisférico e Rusia e China no panorama global. Deste modo, o prudente cálculo diplomático cubano espera afianzar mellores posicións no escenario internacional, á espera da evolución das súas relacións con Washington e Bruxelas.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »