Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO 35 CABODANO DA SÚA MORTE

“Moncho Reboiras, patrimonio de todos os galegos e galegas de ben”

Unha comisión “non partidaria e non excluinte” prepara unha homenaxe popular que se celebrará en Imo (Dodro) o vindeiro mes de agosto.

Redacción - 16:10 10/05/2010

O 12 de agosto cumpriranse 35 anos da morte dun dos símbolos do nacionalismo de esquerdas, que morreu en Ferrol polos balazos da policía franquista. De cara a esa data, vén de constituirse unha comisión que preparará unha homenaxe que terá lugar ese mesmo día no cemiterio parroquial de Imo (Dodro). A iniciativa que parte dun grupo de amigos, familiares (entre eles seu irmán Manuel Reboiras) e compañeiros ten previsto colocar na tumba de Moncho Reboiras unha placa homenaxe do recoñecido escultor Acisclo Manzano.

A comisión, que se presenta como “non partidaria e non excluínte”, elaborou un manifesto que conclúe asegurando o seguinte: “Coa súa rehabilitación institucional, Moncho Reboiras xa é patrimonio de todos os galegos e galegas de ben. En Galiza cumprirase a vontade dos mártires, deixounos dito Castelao e as súas verbas reflíctense arestora no legado de Moncho Reboiras por unha Galiza de seu, democrática e popular. Que a súa lembranza pule cada día desta arela en nós.”

O vindeiro xoves (Galería Sargadelos de Vigo, ás 12.30 horas) vaise presentar a campaña nunha conferencia de prensa na que intervirán Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Muñíz, Camilo Nogueira, Xosé María Brañas, Xosé González Martínez e Manuel Reboiras. Esa mesma xornada, ás 20 horas, na Biblioteca Pública Central de Vigo celebrarase tamén un acto de adhesión ao 'Manifesto 35 aniversario'.

  • Máis información na páxina web da Comisión do 35 aniversario


4,76/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: