Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Entrevista: Sétimo aniversario

O Verbum, na procura dun modelo museolóxico

Falamos co director do museo, Rosendo Covelo, disposto a aprobar axiña un plan que fixe as directrices da sala, centrada na comunicación e na lingua.

M. del Río - 10:30 09/05/2010
Rosendo Covelo

Rosendo Covelo

O Verbum-Casa das palabras de Vigo acaba de facer sete anos dende a súa inauguración. Despois dunha longa etapa caracterizada por carecer dun enfoque claro, comézase a deseñar un plan museolóxico que pretende darlle á sala unha personalidade propia. O director do Verbum, Rosendo Covelo, salientou o éxito das xornadas de portas abertas que coincidiron co aniversario.

Que balance fai da celebración do sétimo aniversario do Verbum?

Moi positivamente. Entre os días 20 ao 25, que estivemos de portas abertas, pasaron polo Verbum 1.500 persoas. Estamos satisfeitos, non só polo aniversario senón tamén porque no último ano as visitas medraron un 20%. Estamos inmersos nun proceso de cambio no Verbum, a piques de elaborar un plan museolóxico.

Por que era necesario ese plan?

Era unha carencia que tiñamos dende 2003. Non existía ese plan, e as solucións que se adoptaban nesa etapa eran un pouco arbitrarias. Dende hai dous anos, dende que son director do Verbum, buscamos poñer en marcha unha serie de liñas de traballo enfocadas arredor do patrimonio inmaterial galego-portugués, da literatura galega, das linguaxes non verbais, e facilitar que esas actividades que se fagan no museo.

Cando estará listo o plan museolóxico?

Pensamos facelo, como moi tarde, para setembro ou outubro. Búscase, ademais dunha coherencia na programación, complementala coa exposición permanente. Modificaremos os contidos desta, os 29 cubos que integran a mostra permanente. A final de ano farase unha valoración económica e técnica para que a nova programación entre en funcionamento en xaneiro de 2011, co novo orzamento municipal.

Solucionarase así a falta de modelo que lle afectaba ao Verbum?

Para nós ese era un problema fundamental. Antes do plan museolóxico, o museo quedaba nunha situación de desamparo. Non había unhas liñas de programación. Até hai dous anos, eran unhas exposicións arbitrarias, sen un fío condutor. O Verbum debe ter unha perspectiva variada e multidisciplinar.

E cal será o enfoque que lle pretenden dar?

Basicamente imos facer un enfoque de museo da comunicación e da palabra, e cunha especial atención ás linguas minorizadas como patrimonio inmaterial en risco e, especialmente, a situación do galego e a salvagarda do idioma. Tamén esperamos asinar convenios con outras entidades publicas e privadas para impulsar a lingua.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: