Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

E o Verbum fíxose... con présa demais

Din os que visitaron o Verbum, o flamante museo das palabras de Vigo, que deixa a lingua galega en mal lugar. Na sección de onomástica non poden consultarse nomes galegos e no apartado 'Cóntame un conto', que reproduce arquivos de son, tampouco hai oco para os relatos de aquí. Pero non só iso, nas explicacións cométense erros como confundir linguaxe con lingua ou citar o 'africano' no grupo das linguas xermánicas. Así nolo explicou Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e un dos asinantes da carta pública que desaconsella a visita ao centro.

- 18:10 07/05/2003
Tags:

O profesor Henrique Costas considera que os erros que contén o Verbum son froito da "precipitación" e do "autoodio" de Carlos Príncipe, concelleiro de cultura da corporación viguesa. Ademais, explica que a Facultade de Filoloxía e Traducción da UVI se ofreceu a colaborar no proxecto pero "aínda estamos agardando a resposta".

Costas amósase especialmente indignado co tratamento da lingua galega; no ordenador de onomástica, non poden consultarse nomes galegos e na sección de audio de contos, tampouco; si hai un espacio para a lingua galega nas cabinas telefónicas que permiten escoitar falantes de distintos idiomas. Sen embargo, o fragmento que nos representa non presenta trazos fonéticos demasiado auténticos.

No mapa lingüístico galego continúan os erros, ao situar diversos puntos da fala exterior dentro das fronteiras administrativas de Galicia. O plano da toponimia, que abrangue todo o Estado español, só contén información sobre o étimo de cinco cidades galegas, "cando temos un tercio dos topónimos de todo o Estado", di Costas, "é unha mágoa que un veciño de Figueiras non poida consultar nada sobre o nome da súa aldea".

Con respecto aos letreiros e rótulos, o filólogo asegura que o galego aparece sempre nun segundo lugar, e non sempre correctamente, de xeito que podemos atopar sorprendentes parellas de palabras como: "stop/stop" ou "pura lana/pura lana", en vez de "pura la".

O panel de linguas indoeuropeas, cita o "africano" dentro da familia xermánica, cando en todo caso debería ser o "africander", segundo explica Costas. Ao parecer, as linguas amerindias, africanas e semíticas están ausentes no museo, pero si aparecen idiomas inexistentes como o "indonesio" ou o "chileno".

A listaxe de erros é extensa: "confúndense termos como lingua e linguaxe e atribúeselle a traducción literal unicamente aos ordenadores, como se os traductores só puidesemos facer traducción literaria", continúa o profesor da Universidade de Vigo.

Por outra parte, non se cita a autoría duns versos de Celso Emilio Ferreiro, nin dos palíndromos de Gonzalo Navaza, nin das gravacións recollidas por Francisco Fernández Rei, que aparecen no mapa lingüístico de Galicia.

A pesar de todo, Costas recoñece que o Verbum ou Casa das Palabras é "unha idea fantástica" que de corrixir os erros, "pode dar lugar a unha aprendizaxe moi boa".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: