Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Até o 30 de novembro

O Verbum convida a unha viaxe audiovisual da figura de Celso Emilio Ferreiro

Unha mostra que presenta dun xeito ameno e didáctico a vida e obra do poeta de Celanova.

Redacción - 19:00 10/10/2008

Achégase a vida e obra do poeta de Celanova mediante paneis informativos que repasarán a través de textos e imaxes a súa traxectoria vital desde Celanova até Madrid, pasando pola guerra en Asturias ou o exilio en Caracas. Inclúese un conxunto de obxectos persoais pertencentes a Celso Emilio.

Os visitantes poderán tamén acceder á proxección dun documento audiovisual realizado con imaxes e músicas extraídas da obra Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro. Este libro CD, editado por Ouvirmos, aproxímase ao autor a través de máis de cen fotografías do seu álbum familiar e de dous CD's nos que se recolle a propia voz do poeta, así como unha escolma dos seus poemas musicados.

Dende o 7 de outubro e até o 30 de novembro, en horario de martes a domingo de 10 a 19 horas, no museo Verbum de Vigo albergará unha exposición adicada á figura do escritor Celso Emilio Ferreiro.

Mesa redonda
Nas instalacións do museo celebrarase ademais este 10 de outubro ás 20 horas unha mesa redonda baixo o título de "Celso Emilio Ferreiro na súa etapa viguesa (1950-1966)", na que se abordarán os tres lustros que o autor pasou na cidade olívica, onde escribiu obras fundamentais coma O soño sulagado (1955) e, sobre todo, Longa noite de pedra (1962).

Neste coloquio intervirán Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do poeta, Ramón Nicolás, autor da Fotobiografía Sonora do celanovés, e José M. Aldea, director executivo de Ouvirmos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: