Nos vindeiros meses acollerá tres exposicións temporais, actos ao redor de Álvarez Blázquez e un encontro de 'Ponte nas ondas'.
No 2003 inaugurábase A Casa das Palabras en Vigo, o Verbum, un museo que, na liña doutros (Casa das Ciencias, Casa dos Peixes...) combinaba coñecemento, diversión e interacción, coas palabras e a comunicación como centro. Unha cidade como Vigo era a tal para acoller un espazo deste tipo; en Vigo naceu o xornal decano da prensa do Estado, e concentra a industria editorial galega. O Verbum cumpre cinco anos sen ter acadado a popularidade doutros museos, e conmemora o aniversario cun conxunto de actividades e exposicións temporais, coa vista posta no futuro.
O venres 25, a partir das oito da tarde, un espectáculo coreográfico abrirá unha fin de semana de celebracións durante as que se poderá visitar o museo de xeito gratuíto. Así mesmo, ao longo do ano organizaranse exposicións temporais co obxectivo de transmitir "de forma clara e contundente" o espírito do Verbum. Estas mostras específicas sumaranse á permanente do centro, que se desenvolve en 83 módulos nos que se tratan temas que viran ao redor da comunicación humana.
Tres exposicións temporais
Entre as exposicións temporais destaca O Himno. Os tempos son chegados que pode ser visitada até o 27 de abril e que conmemora o centenario da primeira interpretación do himno galego. Entre o 13 e o 15 de maio, será a quenda O vieiro da Franqueira, que se centra na ruta de peregrinación ao citado santuario. Ademais, no verán chegará Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós, que reconstruirá as mobilizacións estudantís do curso 1967-1968 en Santiago, encadradas na loita antifranquista.
Tamén se realizarán varias actividades con motivo do Día das Letras Galegas, como unha jinkana literaria e lecturas de obras de Xosé María Álvarez Blázquez. Ademais, entre outras iniciativas, o 6 de xuño emitirase desde o Verbum a XIV edición do programa Ponte...nas Ondas e, pola noite, haberá un concerto de Luar na Lubre.