Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AGRESIÓN AMBIENTAL

Bruxelas decidirá sobre a instalación da planta acuícola de Touriñán

O BNG presentou unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo contra a súa posíbel construción.

Redacción - 19:30 16/03/2010
Cabo Vilán, onde xa hai situada unha planta acuícola

Cabo Vilán, onde xa hai situada unha planta acuícola

Non é a primeira vez que o nome do Cabo Touriñán (Muxía) se pronuncia en Europa, mais este requirimento fará que a Comisión Europea emita unha decisión sobre a idoneidade desta costa para a instalación dunha planta acuícola. A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, presentou a denuncia ante a Comisión de Peticións contra a súa posíbel construción, un proxecto que apadriña o Partido Popular (PPdeG) e que lidera o grupo empresarial Pescanova.

Cal é interese público?
Miranda advirte que a planta industrial resultaría incompatíbel coa Directiva Hábitats (92/43/CEE de protección dos espazos de alto especial valor ambiental), ao ser un espazo incluído na Rede Natura. Xa no pasado novembro o comisario europeo de Medio Ambiente, Satvros Dimas, subliñara que antes de autorizar a piscifactoría, a Xunta tería que garantir o cumprimento desta directiva e sinalaba entón que só se podería seguir o proxecto se se xustifica un interese público prioritario.

Agora o BNG subliña que “o argumento de creación de emprego que utiliza a Xunta para destruír este espazo cunha macro-piscifactoría é totalmente falaz, porque na realidade non pasaría de vinte postos de traballo, e todos subvencionados con fondos públicos”. Ademais, destaca que “o tipo de acuicultura que promove Pescanova en Touriñán non é sustentábel e difire do modelo de acuicultura que está promovendo a propia Comisión e o Parlamento Europeo”.

Decisión da Comisión
Ana Miranda recordou tamén que “a planta que Pescanova construíu en Mira, Portugal, nun espazo que tamén pertence á Rede Natura, está a 500 metros da costa, mentres que no caso de Touriñán estaría practicamente a pé de praia”. Esta denuncia, unha vez admitida a trámite e debatida, servirá como base para que a Comisión Europea decida sobre a idoneidade de instalar ou non a planta de acuicultura en Touriñán.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: