Pescanova condiciona o proxecto á evolución dos fondos europeos para a pesca. Mentres, o BNG anuncia que presentará unha iniciativa contraria á planta no Parlamento Europeo.
O presidente de Pescanova asegura que retomaría o proxecto de inmediato se a Unión Europea financiase o 50%
Na presentación dos resultados da ampliación de capital da compañía, o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, adiantou que a piscifactoría de Touriñán, en Muxía (A Coruña) depende dunha posíbel inxección económica europea. Afirmou que as decisións sobre inversións do grupo "se adoptarán con cautela e no tempo que sexa aconsellábel" e incidiu na necesidade de agardar "a ver como evolucionan os fondos europeos para a pesca (FEP) para decidir se desenvolver o proxecto".
Actualmente, xa non existe o antigo Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) e o actual Fondo Europeo para a Pesca (FEP) restrínxese a pequenas empresas e proxectos. Fernández de Sousa asegurou que "se a Comisión Europea volve achegar subvencións de até o 30 ou 50%, ese sería o momento de retomar os plans para construír a planta".
O BNG tamén recorre á instancias europeas
Mentres, a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda presentou unha iniciativa que esta formación trasladará a Europa para denunciar os plans da Xunta de retomar o proxecto, que se situaría nunha zona protexida pola Rede Natura.
Miranda recordou que o proxecto de Pescanova para instalar nesta zona unha granxa de cultivo de rodaballo xa obtivo "unha importante contestación social", ademais do "rexeitamento do anterior Goberno polo seu elevado impacto ambiental". Subliñou que "é un dos lugares menos alterados na costa atlántica europea" e chamou a atención sobre o feito de que a Xunta aínda non aprobase un plan de conservación deste Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
Así, o BNG pedirá á Comisión Europea que investigue "se se está a cometer unha infracción á hora de desenvolver o proxecto". Ademais, a portavoz nacionalista no Parlamento Europeo explicou que queren impedir que o PPdeG desvíe fondos estruturais da Unión Europea para inversións en grandes compañías acuícolas. Pola contra, exixen que esas axudas se destinen a plans para a pesca e o marisqueo.