Medio Ambiente, Rural e Mariño afirma que só se autorizou a afección por Costas; o presidente da Xunta alega que debería indemnizar a Pescanova con 30 millóns.
O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño rexeitou os "intentos de confusión informativa" da Xunta ao subliñar que en xullo de 2005 advertiu o Goberno de Manuel Fraga de que non emitiría un informe sobre o Plan Acuícola até que o Executivo non realizase a súa avaliación ambiental, que apunta que "nunca" chegou a efectuarse.
Tamén aclarou que o proxecto de piscifactoría presentado por Pescanova para o cabo Touriñán non dispón de informe medioambiental favorábel, senón só unha concesión en dominio público.
O ministerio chamou a atención sobre "a diferenza dun procedemento de avaliación ambiental dunha petición concreta de ocupación de dominio público para a captación de auga do mar". Fixo énfase en que o documento só fai referencia a un informe de afección pola Lei de Costas, pero "non se refire en ningún caso á avaliación ambiental de acuicultura nin supón a súa ratificación".
Feijoo insiste en que hai informes
Porén, o presidente da Xunta reiterou este martes que existen "informes favorábeis" por parte dos ministerios de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) e mais de Fomento sobre o emprazamento dunha planta acuícola en Touriñán e instou o MARM a "respectar" as competencias do Goberno na materia.
"Dáme a sensación de que o ministerio por un lado emite informes favorábeis e polo outro critica os propios informes que emite", declarou Núñez Feijoo, quen engadiu que existen informes tanto de Costas como de Portos do Estado. "Temos os informes e temos unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", indicou referíndose á decisión do tribunal sobre a responsabilidade patrimonial en que incorrería o Executivo por anular o expediente de instalación da planta.
Feijoo cifrou en 30 millóns de euros a indemnización que lle debería pagar a Xunta a Pescanova. "Non quero, con diñeiro dos galegos, indemnizar unha empresa que ten dereito a facer determinadas instalacións e tampouco quero que as leve a Portugal", engadiu, tachando de "arbitrariedade" a decisión do bipartito de "non autorizar unha instalación que tiña todos os permisos".