O festival de curtametraxes, que se desenvolverá do 23 ao 30 de maio, terá a Cuba como país convidado.
O festival Curtocircuíto pechou o 5 de marzo o prazo de recepción de curtametraxes que aspiran a participar na edición 2010. Desta volta, o número de pezas recibidas foi de 2.289. A cifra mantense preto da do ano pasado, cando chegaran 2.558 traballos, malia que este ano se adiantase a cita cinco meses.
O certame compostelán atraeu exemplos de todos os xéneros e nacionalidades, con obras de Acerbaixán, Colombia, Xordania ou Filipinas. Agora, un comité de selección decidirá cales deses traballos se proxectarán durante a Semana Oficial do festival, do 23 ao 30 de maio.
Ademais da categoría competitiva, como cada ano, haberá unha programación paralela, con actividades para os cativos, curtas de terror e unha sección especial dedicada ao país convidado, que nesta ocasión será Cuba.
'Rabbit Punch', de Kristian Andrews, levou o gran premio internacional da pasada edición
'The Werepig', de Samuel Orti, obtivo o último premio do público
'X Nada', de Dani de la Torre e Toni Veiga, gañou o pasado gran premio Galicia