Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, bota andar, dirixido este ano por Tim Reford: o día 12 deste mes podemos empezar a enviar guións de curtas para Compostela Plató, até o 27 de abril, e, a partir do 2 dese mes, curtametraxes. De aquí a outubro, Compostela convértese un ano máis nun set de gravación.
Presentaron o evento o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro delegado de Turismo, Francisco Candela, o director do Festival, Tim Reford, e a directora de produción, Mamen Quintas, ademais de Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual; e Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia. Ademais de converter Compostela en capital de referencia cinematográfica, como salientou o alcalde, Curtocircuíto ten un carácter cada vez máis internacional: dá boa fe a fichaxe de Tim Redford, un experto no eido dos festivais internacionais.
Mamen Quintas e Tim Redford, directora de produción e director do Festival respectivamente, presentaron no primeiro caso as novidades do Festival (o premio á mellor curtametraxe galega, e a sección non oficial de proxección de curtas para nenos) e, pola súa parte Tim Redford confesou que lle ilusionaba moito este novo reto en Galicia.
Aos apartados Compostela Curtocircuíto, Compostela Plató, Anacos, o concurso obradoiro Non te curtes, Curtocircuíto na Rúa, Obradoiros e Mercado Internacional de Curtametraxes, únense novas actividades dentro do Programa da cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela. Trátase, por unha banda, do ciclo Cine para nenos, que se celebrará durante as datas da Semana Oficial do Festival –do 16 ó 20 de outubro-. Achegar aos máis cativos a cultura do celuloide en formato de curtametraxe suporá a iniciación á sétima arte da futura audiencia, e se cadra futuros e futuras cineastas. Outra novidade é a creación do Premio á Mellor Curtametraxe Galega.
Prazos para participarmos
O 12 de Marzo ábrese o prazo para enviar os guións de Curtas para a sección Compostela Plató, que se pechará o 27 de abril. A curta gañadora será rodada entre o 4 e o 10 de xuño. A única condición é que o escenario de rodaxe sexa Santiago de Compostela. E dende o 2 de abril poderanse enviar xa as Curtametraxes que integran Compostela Curtocircuíto. O prazo de remate do envío é o 30 de xuño. O mesmo día 2 de abril, ábrese o prazo de inscrición tamén para todos aqueles autores individuais ou colectivos, empresas e institucións que queiran participar e beneficiarse da oportunidade que o Mercado Internacional de Curtametraxes pon na súa man: contactos con distribuidoras, compradores, etc, para a compra-venda de curtametraxes.Este prazo de inscrición remata o 12 de setembro.
En canto aos premios, son de 3.600 € en cada categoría: Mellor Curtametraxe de Ficción, Mellor Curtametraxe de Animación, Mellor Curtametraxe de Videocreación. A Mellor Curtametraxe Documental ten un premio de 3.000 €, a Mellor Curtametraxe Galega, 1500 €, e tamén será entregado o Premio Anacos á Mellor Micromovie (2000).