Proxectaránse 259 filmes, seleccionados entre os 2.558 presentados.
Curtocircuíto desenvolverase do 17 ao 24 de outubro, e por primeira vez terá unha semana de duración, e non catro como até agora. Decidiuse amplialo co obxectivo de consolidalo como o festival máis importante da Península Ibérica, tanto pola cantidade e calidade de curtas recibidas como polo público asistente. O eixo central serán as proxeccións das 147 curtas escollidas para a Sección Oficial, que se poderán ver gratuitamente no Teatro Principal. Tamén se proxectarán outras 112 curtas nos 11 programas paralelos, que terán lugar no CGAC e a Facultade de Filosofía.
O festival non só é unha mostra de proxección. Dentro de Curtocircuíto tamén se celebrará a III Edición do Mercado Internacional de Curtametraxes, no que participarán máis de 100 profesionais do sector audiovisual, procedentes de 15 países, que poderán mercar os dereitos das curtametraxes inscritas no Festival.
Ademais, Curtocircuíto desenvolverá tres obradoiros de Formación. Haberá un pbradoiro de animación para nenos e nenas de entre 8 e 10 anos, impartido por Juan Pablo Etcheverry, no que os cativos gravarán unha curtametraxe. Os outros dous obradoiros, destinados a profesionais, son: "Postproducción e mestura de son", impartido por Diego Staub e Carlos García, e "Estereoscopía", impartido por Enrique Criado, que traerá a Santiago as últimas novidades de cinema en 3D.
'Way', gañadora da categoría 'Anacos' á mellor micro-curta, en 2006
'El camino de carne', finalista na mesma edición