Vigués de 27 anos, mais con catro xa de experiencia na dirección, é o relevo no cargo de Maurício Castro.
Os pasado días 12 e 13 de Nadal, NÓS-UP organizou a súa quinta Assembleia Nacional, da que saíu unha dirección renovada. Alberte Moço (Vigo, 1982), en substitución de Maurício Castro, é o seu novo portavoz nacional.
Vieiros: Mudanza de líder, mudanza de liña política e de estratexia para os vindeiros dous anos?
Alberte Moço: Nin moitísimo menos. O compañeiro Maurício Castro deixou a Portavocía na Assembleia Nacional, que viña ocupando desde hai catro anos, tempo en que vén sendo compañeiro na dirección e seguirá séndoo por moito máis. A liña política del e a miña son plenamente coincidente. Polo tanto, hai unha renovación na persoa que ocupa o cargo, mais o proxecto da Unidade Popular continúa a ser o mesmo. Os obxectivos non fixemos máis que adaptalos aos novos retos e desafíos políticos que temos por diante, mais continuamos a representar o mesmo proxecto político.
En que consiste esa adaptación?
Hai unha mudanza na realidade do país, en parte marcada a nivel mundial pola crise do capitalismo. Mais tamén a nivel interno, a situación política ten mudado desde a chegada ao Goberno do PP. Os desafíos para a Unidade Popular cambian en certa forma, e para iso temos que adecuar o discurso político. Porque hoxe as necesidades do noso pobo traballador están agravadas por este contexto.
E que propostas propón NÓS-UP ao respecto destas dúas cuestións?
Hai algo que non mudou. NÓS-UP, como parte da esquerda independentista continúa a confiar no mesmo suxeito político para o cambio, que é o pobo traballador galego. As súas son as nosas únicas preocupacións, por iso tanto a crise económica como o novo escenario político condicionan a vida das traballadoras e dos traballadores. Nós damos resposta a isto cos obxectivos que sempre vimos defendendo: independencia, socialismo, abolición do patriarcado, ... mais sabendo que os inimigos que temos que loitar hoxe adoitan formas distintas das que tiñan a finais do século pasado ou recién iniciado este.
Por que NÓS-UP considera que o pobo traballador galego vai vivir mellor nunha Galiza independente ca nunha Galiza que forme parte do Estado español?
Nós non concibimos un proxecto de soberanía nacional que non sexa liderado polo pobo traballador e que por tanto implique tamén unha abolición do modo de produción capitalista, unha superación da explotación das traballadoras e dos traballadores. Esas dúas 'ideas forza' contemplámolas intimamente relacionadas, como unidade indisolúbel.
É evidente que a dependencia nacional de Galiza está a supor para o noso país acharse no vagón de cola en índices socioeconómicos da UE, e moito máis claramente no caso do Estado. Estamos nunha situación en nada comparábel ao que podemos considerar os centros do capitalismo español. As nosas taxas de paro son superiores, a nosa renda per capita é inferior, unha situación que é en parte consecuencia do papel ao que o capitalismo español ou o Estado español nos ten relegado. Abolindo esa relación de opresión nacional, aboliriamos todos eses obstáculos que existen para que o noso país poida desenvolverse como tal, en condicións de igualdade co resto de nacións, sen verse sometido aos planos deseñados en Madrid e en Bruxelas que nada teñen que ver cos intereses do noso pobo.
Ao respecto, que valoración fan desde a súa organización dos procesos independentistas noutros países europeos, concretamente en Cataluña e en Escocia?
Non hai unha valoración orgánica como tal. Desde a miña opinión persoal, é evidente que as consultas de Cataluña hai que consideralas -sen entrar en pormenores- como un auténtico éxito do movemento soberanista desa nación. Nós sentimos un gran respecto polo soberanismo catalán, co que mantemos relacións de amizade, e damos por válidas as valoracións que eles fan. Mais é evidente que é bo sinal que un pobo irmán, moi próximo a nós, conseguise sacar á rúa un gran número de persoas, que apostan por vivir e tomar decisións por se mesmas desde un punto de vista nacional, tendo en fronte toda unha maquinaria estatal que é a mesma á que nós nos enfrontamos. Ora ben, a realidade nacional catalá non ten moito que ver coa galega. Sería ilusorio pensarmos que na Galiza de hoxe sería posíbel realizar unha iniciativa popular desas características.
O mesmo podemos aplicar ao caso de Escocia, que aínda é máis claro noutro aspecto: como o capitalismo en determinadas ocasións non ten ningún problema en recoñecer o dereito de autodeterminación para nacións sen Estado que así o queren pola súa realidade económica; que dentro dos límites bastante estreitos da democracia burguesa que hoxe vivimos en Europa é posíbel exercer os dereitos de autodeterminación, o cal coincide coa nosa aposta para o pobo galego. Cecais o caso escocés poida fornecernos de máis experiencia.
Volvendo ao noso país. Como valoran estes primeiros meses do novo Goberno?
En primeiro lugar teño que insistir no que a Unidade Popular estivo a dicir nos catro anos de Goberno bipartito. Nós desde o primeiro momento alertamos, e así o constatamos durante toda a lexislatura, que nas cuestións fundamentais, económicas e sociais, fixeron unha política continuísta ao respecto do 'fraguismo'.
A chegada de novo do PP ao Goberno autonómico é evidente que supuxo algúns cambios, mais consideramos que os grandes procesos e cuestións clave continúan a ser aplicadas igualmente desde hai bastantes décadas. A estratexia da economía de mercado, do lucro empresarial, da uniformización cultural, da negación dos dereitos nacionais e da capacidade de decisión para o noso pobo mantívose case intacta non sendo en cuestións que poderiamos definir como 'cosméticas'.
É certo que houbo mudanzas significativas, sen ter que atinxir ese núcleo duro. O caso da política lingüística é o mellor dos exemplos: en poucos meses botáronse por terra todas as pequenas conquistas -que foron pequenas, hai que recoñecelo- que se fixeran durante anos, mesmo algunhas das implantadas durante o 'fraguismo'. E o discurso do españolismo máis rancio e máis ultra está a callar entre sectores importantes da nosa clase política cun descaro que sería imposíbel hai uns anos.
O PP asumiu o Goberno encoraxado, disposto a liderar unha 'cruzada' contra o proxecto nacional galego. Se ben levou tantos paus que a súa estratexia se presenta como moderada e comedida, sabemos do que realmente son capaces. Cando teñen forza e pisan o acelerador pon en serio perigo todas as conquistas acumuladas polo pobo galego. Hoxe máis que nunca é imprescindíbel sacar o pobo á rúa en defensa dos nosos dereitos nacionais, do noso ambiente, do noso litoral, dos nosos postos de traballo. Se non o tiñamos claro antes, xa o temos agora: co Goberno do PP na Xunta calquera paso en falso pode ser perigoso e traer consecuencias a longo prazo.
DIVISIÓN DENTRO DA ESQUERDA INDEPENDENTISTA
O certo é que nas últimas eleccións autonómicas os resultados electorais das formacións da esquerda independentista, en xeral, e de NÓS-UP, en concreto, non foron tan positivos como algúns agardaban. A análise supoño que tamén ha ser de autocrítica, non é?
A análise ten que partir da capacidade que o independentismo ten no seu conxunto para facerse ver socialmente. Desde a primeira vez que nos presentamos a unhas eleccións os resultados que obtivemos son acordes co que realmente representamos. Non temos motivos para inflalos ou para achacalos a causas fóra do noso control. Eses resultados son un reflexo do que somos.
A circunstancia anómala, e en moitas ocasións bochornosa, que a esquerda independentista -ou mellor dito, soberanista- teña concorrido dividida é unha circunstancia que resta capacidade de mobilización. A nosa aposta nese senso, como sempre foi, é unitarista. Alá onde se puidese propuxémolo. Non foi posíbel. Mais non por iso imos deixar de intentalo. Nas próximas eleccións municipais volve ser a nosa aposta. O conxunto do soberanismo debería dotarse dunha ferramenta electoral capaz de aglutinar sectores, de xerar ilusión e evitar que voltemos ao escenario en que cada organización concorre unicamente coas súas propias forzas, levando a súa xente a votar porque non é quen de xerar un clima favorábel para que se mobilice o resto do electorado. Hoxe a situación do soberanismo como movemento, como conxunto, é máis rica, máis plural, máis aberta do que era hai uns anos, e confiamos que iso sexa un pequeno paso, a enzima.
Cales son os motivos reais que impiden esa unión entre as diferentes formacións independentistas? Son máis as cousas que as separan ca as que as unen?
Dubídoo moito. Calquera observador internacional chegaría a conclusión de que é unha situación realmente absurda. Os motivos son moitos, moi diversos. Coñecémolos, mais non temos unha receita máxica porque senón xa o teriamos solucionado. Tense falado en moitas ocasións da cuestión da normativa ortográfica, ou de que a unidade entre a cuestión nacional e a cuestión social ten situado barreiras. Eu considero que facendo un exercicio de madurez, hoxe en día calquera organización debería ser capaz de solventar eses problemas, deixalos aparte ou resolvelos no futuro cando sexa necesario. De feito, a propia práctica política así o demostra. Coincidimos en multitude de iniciativas, de plataformas, de movementos de todo tipo, salvando todos estes problemas ideolóxicos que poidan existir de fondo, e iso non impide en ningún caso que esas iniciativas se desenvolvan.
No panorama da esquerda independentista son moitos factores, moitos axentes distintos, xa non é quizais tan simple como o binomio FPG – NÓS-UP. Hai moitos outros colectivos que están a ter moita actividade moi importante neste campo. Colectivos que inflúen, teñen relacións. Continúa sen haber unidade, ou polo menos ese referente electoral, mais o campo independentista é máis rico. Está a gañar en matices. Cada peza por separado está a medrar, a desenvolverse e madurecer. En ausencia dunha ferramenta unitaria, consideramos positivo que madurezan por separado e cando o conxunto dunha masa social o exixa, ese será o punto de partida para que por fin poidamos ter esa ferramenta unitaria e esquecer todas as diferenzas artificiais ou pasaxeiras. Cremos que precisamente ese é o problema. Se o independentismo pasa de ser minoritario a residual, aí é cando haberá problemas para que esas poucas persoas se poñan de acordo. Nós sempre fixemos unha aposta clara por que houbese un movemento de liberación nacional único, diverso e aglutinador. Mais tampouco imos facer desa cuestión un fetiche que nos impida avanzar. O noso propio desenvolvemento tamén contribúe a ese escenario que todos desexamos.
Desde fóra percíbese que a acción da esquerda independentista está case exclusivamente reducida ao ámbito de Compostela e, en menor medida, ao de Vigo e ao da Coruña. Non hai intención de actuar politicamente no resto das comarcas do país?
Nós consideramos que o problema nese sentido non é tanto unha cuestión territorial, que en certa medida xa fomos salvando co paso do tempo. Aínda que poida dar outra impresión, hoxe non é o noso caso. Xa non é Compostela o centro en torno ao que gravita toda a actividade política, senón que conseguimos desenvolver un modelo de actividade comarcal, autocentrado, con núcleos máis pequenos ou máis grandes repartidos por todo o territorio.
Mais o problema é outro, que vai no mesmo sentido e que está moi relacionado: a cuestión da penetración no seo dos movementos sociais e da clase obreira. O gran problema das diversas formacións da esquerda independentista é restrinxirse á súa pequena parcela de actividade político-ideolóxica, de consigna, de manifestación, do cartaz, e esquecer que onde realmente se están a dar as batallas hoxe en día, onde realmente se están a construír alternativas a este modelo de sociedade é nas fábricas, nos centros de ensino, nas asociacións veciñais. É precisamente ese o camiño que temos decidido xa desde antes desta última asemblea nacional: nutrirnos dunha vez por todas da xente do traballo, do estudantado, fuxindo de ideoloxismos. Se realmente queremos construír un proxecto nacional de futuro -é unha responsabilidade que temos adquirida co pobo- é aí onde temos que encontrar o noso camiño, onde temos que crear unha masa crítica favorábel a determinadas cuestións no ámbito dos dereitos nacionais e sociais e, en definitiva, onde temos que centrar os nosos esforzos. Niso traballamos desde hai tempo, en conseguir que sexa dos movementos populares de carácter máis amplo e abranguente de onde saian as independentistas e os independentistas do futuro.