O foro de militantes de diversas correntes Espaço Irmandinho inicia a súa reformulación para se constituír "a curto prazo" en formación política.
O pasado mes de febreiro o VI Encontro Nacional de Espaço Irmandinho (EI)aprobaba "iniciar un proceso de reformulación para se constituír a curto ou medio prazo nunha organización política independentista de ámbito nacional".
O obxectivo é propiciar un espazo común, construído "por abaixo" en base a acción conxunta de todo o abano arredista galego; "sen présas, nin calendarios"; co fin de "superar definitivamente a dialéctica de atomización"; e participando das "iniciativas comunitarias e sociais que (...) sustentan a propia existencia dunha nación como a galega".
Vieiros tivo acceso ás resolucións acordadas naquel encontro e que a Comisión Xestora de EI redactou este mes de xuño. Mais, que é o que é Espaço Irmandinho?
EI nacía en Vigo no mes de Nadal de 2005, logo de que un grupo de militantes independentistas de diversas siglas, liderados por un sector escindido de NÓS-UP, decidiran crear unha coordinadora que agrupase activistas de todo o país, dispersos en diferentes organizacións: políticas, sindicais, socioculturais, ecoloxistas, xuvenís, ...
Na xuntanza de febreiro pasado, EI plantexou un obxectivo que vai un pouco máis alá. Isto é, crear un proxecto independentista común á marxe do BNG, isto é, un 'Bloque Independentista Galego', procurando sinerxías entre os diferentes sectores en que está esgallado o arredismo galego.
Entramado organizativo civil nacionalista
Porén, unha organización política deste tipo "non se pode crear por un acordo burocrático", apuntan fontes de EI consultadas. De aí a construción "por abaixo". "É imposíbel construír e liberar a nación utilizando exclusivamente como ferramenta a acción política convencional", reflexionan.
Neste senso, salientan como aspecto importante da "reformulación" a vontade de potenciar un entramado organizativo civil nacionalista, con iniciativas educativas, proxectos económicos cooperativos ou medios de comunicación, entre outros proxectos.
No entanto, estas mesmas fontes parten da idea de son unha "organización máis", que non procuran "arrogarse ningunha lexitimidade superior" a outras, e que no momento en que se "dean as condicións" camiñarían cara á autodisolución e integraríanse nun "hipotético proxecto común independentista". "Isto non vai ser un chiringuito máis", aseguran.
Mais tamén son conscientes de que en sentido estrito o Movemento de Liberación Nacional Galego (MLNG) está por construír. A "reformulación", afirman, procura "catalizar" este proceso de construción do MLNG, dotándose dun "sistema organizativo".
"Moita decepción acumulada"
"O exemplo de Iniciativa Internacionalista a nivel organización -evidentemente, non dende o punto de vista dos resultados electorais- pensamos que serviu de punto de inflexión", confesan. Din que a nivel interno serviu como exercicio de coñecemento mutuo e para ver as potencialidades de traballo e de implicación. "Nestes casos dous máis dous suman cinco ou seis", consideran.
Porén, anticipan que hai un traballo extenso por facer, tamén "superando contradicións internas", para "mudar estados de ánimo" e "superar prexuízos", xa que recoñecen que "hai acumulada moita decepción" ao respecto dos proxectos independentistas das últimas dúas décadas.
Por exemplo, a plataforma en defensa do dereito de autodeterminación Causa Galiza apenas puido reunir xente na pasada manifestación do 6 de decembro contra a Constitución española. Dende EI son conscientes do desilusionante que resulta o "andar paseniño" desta e doutras iniciativas, en parte por culpa dos intereses das correntes internas que as conforman.
É por iso que outra das liñas desta nova etapa é o rexeitamento da "dupla militancia". "A tensión permanente entre siglas non é produtiva dentro dunha organización. Vese no BNG e viuse na FPG orixinaria. En canto hai partidos ...", apuntan. "Ademais -din-, o movemento independentista non ten tanta influencia como para dividirse en partidos representantes de sectores sociais diferentes".
A normativa do galego, fóra do debate
Outra das cuestións que máis acenden o debate entre as diferentes correntes do arredismo galego é a lingua, concretamente a normativa, mesmo até o punto de entorpecer a dialéctica en calquera outro tema. Este lastre é asumido dende EI, que aínda que aseguran non renunciar ao reintegracionismo, consideran que esta confrontación debe desaparecer polo momento.
Ao igual que xa fai Causa Galiza, publican e publicarán todo ao 50%, en AGAL e RAG. Mais apuntan unha certa innovación dentro do proceso de "reformulación". Isto é, o uso dunha ou outra normativa "deberá modularse en función do público ao que se dirixe", unha decisión á que se chega logo de comprobar como, por exemplo, os obreiros á saída de Citroën deitan no chan sen ler moita da documentación que se lles entrega, afirman.
Trátase de seguir "máis que criterios científicos ou filolóxicos, outros sociolingüísticos ou de oportunidade, por dicilo dalgunha maneira", asumen. Algo que, coa distancia de "non renunciar a lingua da patria", din, xa se ven na obriga de facer "en Irlanda ou Euskal Herria, mesmo caendo na contradición de ter que usar o español".