Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Especial: Canto custa arrefriar o Planeta? (III)

O comercio entra en xogo

Un factor clave pode impedir calquera solución para o planeta: o libre comercio. Terceira e última entrega do especial informativo: Canto custa arrefriar o Planeta?.

Manoel Santos - 10:30 27/11/2009

Máis aló dos intereses particulares dos diferentes Estados, existe un outro factor, de meirande calado, que pode impedir calquera solución para o planeta: o libre comercio.

Dez anos despois daquel intre histórico en que os movementos antiglobalización fixeron fracasar a Rolda do Milenio da Organización Mundial do Comercio (OMC) en Seattle, o ente regulamentador e fiscalizador do Mercado mundial, que pode cambiar leis dos Estados membros para defender os intereses das corporacións, reúnese na súa sétima Conferencia Ministerial en Xenebra, entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.

A xuntanza, que ao contrario ca a de Copenhaguen –moi vendíbel diante da opinión pública– pasa á mantenta desapercibida por quen manda nos medios de comunicación hexemónicos, pretende relanzar novamente, despois dos fracasos de Cancún (2003) e Hong-Kong (2005), a Rolda de Doha, asinada na capital de Qatar (2001) para fuxir da presión que os movementos sociais mundiais exercían desde Seattle.

Segundo Tom Kucharz, de Ecologistas en Acción: "o Dereito Comercial Internacional –ou sexa, as distintas normas de comercio e investimentos– estabelece restricións severas á capacidade dos gobernos para promover medidas de redución drástica de emisións, como deixar os combustíbeis fósiles no subsolo, prohibir a importación de bens e de materias primas que fomentan a deforestación –como minerais, soia e aceite de palma–, ou o peche –parcial ou total– e/ou reconversión de sectores industriais –cementeiras, centrais térmicas de carbón, fábricas de coches, refinarías, etc".

Primeiro comercio, despois clima

E é que cando os poderosos falan de clima realmente están a falar de comercio, de cartos. Falan de mercados de emisións que permitan aos países industrializados do Norte seguir a contaminar mercando o CO2 que non se produce no Sur; de mercar, ocupar e concentrar terras para producir agrocombustíbeis; de crear monopolios de enerxías renovábeis e "tecnoloxías limpas" empregando dereitos de propiedade intelectual; de desprazar millóns de persoas das súas terras para dar conta de macroproxectos que, como as grandes hidroeléctricas, reverterán no ben do Planeta. Ou dos seus petos. Falan, ao cabo, de comerciar cos "servizos ambientais", un suculento negocio que, asemade, ten que ser garantido con subsidios estatais e magnos acordos internacionais para así manter o crecemento económico que está a esnaquizar a Terra e a meirande parte da humanidade.

Os diálogos de fondo sobre o clima xiran realmente ao redor destes negocios, e as discusións da OMC tratan de botar unha man impedindo o desenvolvemento de solucións reais e responsábeis, como a soberanía alimentaria e o regreso das economías labregas, como a soberanía enerxética descentralizada –exercida polos pobos sen monopolios transnacionais–, como a transferencia de tecnoloxía ao Sur para paliar o cambio climático provocado polo Norte, como as reformas agrarias, como a suspensión dos dereitos de propiedade intelectual e especialmente das patentes sobre formas de vida e medicamentos básicos, etc.

Volvendo a Tom Kucharz: "Podemos concluír, que un paso importante nas loitas para frear o Cambio Climático é facer descarrilar a Rolda de Doha e afundir a OMC. Comercio e Cambio Climático están totalmente interrelacionados, así que os movementos que traballan estes temas deberían traballar xuntos para superar a súa separación artificial".

Os movementos

A experiencia demostra que confiar nos Estados ou nos políticos que, como ben di Xusto Beramendi, son miopes pois só ven o que está preto –cando non astigmáticos de vez–, non garante en absoluto unha saída a este camiño catastrófico emprendido pola humanidade. Son os movementos sociais, como fixeran en Seattle, e despois en Praga, en Goteburgo, en Xénova, en Barcelona … os que poden facer ver á opinión pública mundial que arrefriar o planeta non custa tanto, mais ninguén quere pagar un peso.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Hai 10 anos os movementos antiglobalización fixeron fracasar a Rolda do Milenio da OMC (WTO, siglas en inglés) en Seattle
Hai 10 anos os movementos antiglobalización fixeron fracasar a Rolda do Milenio da OMC (WTO, siglas en inglés) en Seattle
"Arrefriar o planeta non custa tanto, mais ninguén quere pagar un peso".
"Arrefriar o planeta non custa tanto, mais ninguén quere pagar un peso".