Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Especial: Canto custa arrefriar o Planeta? (II)

Na procura dun Quioto II

Ofrecémoslles a segunda entrega do especial informativo de cara ás cimeiras do Cambio Climático en Copenhaguen e da ministerial da OMC en Xenebra.

Manoel Santos - 12:30 26/11/2009

Entre o 7 e o 18 de decembro celebrarase en Copenhaguen (Dinamarca) a 15ª Conferencia das Partes (COP-15) da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático. Se non a derradeira, pode ser unha das últimas oportunidades para camiñar cara o que Kumi Naidoo, o sudafricano que recentemente asumiu a dirección executiva de Greenpeace, define como un acordo fab.

Non fabuloso, non. Fala de fair (xusto), ambitious (ambicioso) e binding (vinculante). "Xusto significa que o tratado debe recoñecer que hai responsabilidades diferentes pola catástrofe climática en que nos atopamos. Os países pobres son menos responsábeis polas emisións de carbono", afirma Naidoo.

E é que no eido das responsabilidades é onde está un dos desacordos principais que poden esnaquizar as intencións de ir cara a un segundo Protocolo de Quioto –2012 está á volta da equina– en Copenhaguen. Os países ricos pretenden canear as súas responsabilidades tomando como referencia as emisións actuais, mais non as históricas, como quere por exemplo Brasil.

Asemade, China négase, e con razón, a admitir que é o país máis contaminante, malia que en termos absolutos así o sexa. En 2007 China xa emitiu 6.284 millóns de toneladas métricas de CO2 fronte ao até entón tétrico líder nese campo, os EUA, que botaron ao aire 6.007 millóns de toneladas nese mesmo ano. Mais os chineses queren que se teñan como referencia as emisións per capita e non emisións por países.

Problema da humanidade ou dos Estados?
É un problema da humanidade ou dos Estados? Mentres cada estadounidense botou á atmosfera 19 toneladas de anhídrido carbónico en 2006, cada chinés –son un sexto da poboación mundial– botou só 4,6 toneladas. EUA está nos postos altos desta clasificación –posto 9º, detrás de países irrelevantes en volume de emisións como Qatar, Emiratos Árabes, Kuwait ou Luxemburgo–, mentres que China anda moi lonxe, polo posto 96º.

Deste xeito, as negociacións en Copenhaguen faranse segundo os intereses de cadaquén, e non segundo os intereses do Planeta. O Grupo Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) afirma que nada se fará se as emisións de GEI non minguan até un 45-50% de aquí a 2020 e até un 85-100% de aquí a 2050. Do contrario, nesta última data, a Terra pode quecer até dous graos de media, límite a partir do cal as consecuencias serían catastróficas.

No entanto, os intereses económicos priman sobre calquera outra cousa, e os Estados entraron nunha espiral de ridículos ofrecementos moi pouco críbel, se nos atemos ao acontecido até o de agora. A Unión Europea, que negocia en bloque no seo da Convención, fala dun 30% –coa referencia de 2020– como máximo se os demais países asumen compromisos similares. Se non é así, un 20% abóndalles.

Poucas esperanzas
Os países en desenvolvemento falan dun 45%, Xapón dun 8% e EUA non fala. O máis probábel é que Obama chegue a a Copenhaguen sen nada. E nada se poderá facer sen o compromiso norteamericano. O tratado que Al Gore presentou ao Congreso estadounidense para asumir a súa responsabilidade na mudanza climática non parece que teña posibilidades de prosperar.

  • Este venres, O comercio entra en xogo, última entrega do Especial


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cada estadounidense botou á atmosfera 19 toneladas de CO2 en 2006. Cada chinés –un sexto da poboación mundial– só 4,6
Cada estadounidense botou á atmosfera 19 toneladas de CO2 en 2006. Cada chinés –un sexto da poboación mundial– só 4,6
Se as emisións de gases non minguan até un 45-50% de aquí a 2020 e até un 85-100% (2050) non haberá solución
Se as emisións de gases non minguan até un 45-50% de aquí a 2020 e até un 85-100% (2050) non haberá solución
O tratado que Al Gore presentou ao Congreso dos EUA non parece que teña posibilidades de prosperar
O tratado que Al Gore presentou ao Congreso dos EUA non parece que teña posibilidades de prosperar