A Comisión Electoral declárao vencedor das eleccións presidenciais logo de cancelar a segunda volta dos comicios.
Ban Ki-moon chegou este luns a Kabul coa intención de reunirse cos dous candidatos
Hamid Karzai xa é oficialmente presidente de Afganistán. A Comisión Electoral Independente declarouno vencedor das eleccións presidenciais logo de cancelar a segunda volta dos comicios, prevista para o vindeiro sábado. A decisión foi anunciada polas autoridades o día despois de que o líder da oposición, Abdullah Abdullah, adiantase que se retiraba da segunda ronda por considerar que non había garantías para un proceso limpo.
Queda agora en interdito a lexitimidade da elección, xa que os resultados da primeira ronda xa foran postos en dúbida por denuncias de fraude. A cancelación da votación introduce aínda máis sombras neste problemático proceso electoral. O secretario da Organización das Nacións Unidas (ONU), Ban Ki-moon, quen chegou este luns a Kabul para manter unha xuntanza con ambos candidatos, xa adiantou que estes comicios foron "dos máis difíciles dos que apoiou a ONU".