Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Luís Fazenda, candidato do Bloco á Câmara de Lisboa

"Sócrates aplicou con arrogancia as grandes liñas do liberalismo"

O líder parlamentario do BE durante a última lexislatura vaticina a morte da "política de imposición absolutista" do PS en Portugal e avoga polo achegamento á Galiza.

Fernando Arrizado - 09:00 30/09/2009
Resultados (clique para ampliar)

Resultados (clique para ampliar)

"O Partido Socialista (PS, 96 deputados) terá que alterar moito das súas políticas nucleares para que haxa calquera tipo de diálogo, de accións, de iniciativas, de leis á súa esquerda", comentaba este luns o que foi durante a pasada lexislatura líder parlamentario do Bloco de Esquerda (BE, 16 dep.) ao respecto da posibilidade de chegar a algún tipo de acordo coa formación do primeiro ministro portugués, José Sócrates.

Luís Fazenda, que se presenta ademais como candidato á Alcaldía de Lisboa, di que todo "está aberto". Porén, asegura que "o que está consolidado é o compromiso que o BE celebrou co pobo portugués, permitindo un reforzo da súa bancada parlamentaria, non entrando nesta danza de coalicións, queremos que haxa rapidamente solución para os problemas".

Sócrates está na obriga de mirar cara á esquerda -aínda que, sen dúbida, tamén terá a tentación de botar man do PSD (centro-dereita, 78) ou do CDS (dereita, 21)- de querer sacar adiante as súas iniciativas políticas. As diferenzas entre o BE e a CDU (coalición electoral entre o Partido Comunista e o Partido Ecologista, 15 dep.) poderían complicar aínda máis os catro anos de goberno que ten por diante, xa que sumando votos por separado, PS+BE ou PS+CDU, a maioría absoluta ficaría aínda a cinco ou seis deputados de diferenza, respectivamente.

Fazenda, en plena campaña electoral de cara ás eleccións municipais do 11 de outubro, afirma en conversa con Vieiros que as relacións co PCP son "normais". Non tanto co PS, o que critica con dureza pola súa -considera- deriva neoliberal.

Vieiros: Os resultados deste domingo colocan o Bloco de Esquerda como unha forza chave nesta nova lexislatura, non é?
Luís Fazenda
: O BE duplicou a bancada, pasou de oito a 16 deputados e conseguiu practicamente o 10% dos votos. Nesta circunstancia en que o Partido Socialista perdeu a maioría absoluta, o parlamento gañou outra realidade que fará posíbel que a parte do BE determine algunhas das políticas do país na Assembleia da República.

"Tiramos a arrogancia ao PS", comentaba vostede o outro día ...
O PS tiña a arrogancia propia dunha maioría absoluta, que foi moi negativa durante estes catro anos para os dereitos sociais, para a participación política, para a invisibilidade dos portugueses a se pronunciaren acerca do Tratado de Lisboa. Non consultaron coas clases profesionais como os profesores, os médicos, os policías (no proceso de recorte de gasto público levado a cabo nos últimos anos en Portugal). Foi unha situación insustentábel a que se creou arredor das reformas liberais preconizadas, introducidas e aplicadas polo Sócrates e polo goberno de maioría do PS.

As coalicións de Goberno semellan completamente desbotadas. Criticouse e critícase desde todo o abano parlamentario a nula capacidade de diálogo do primeiro ministro. É tal?

Non é o seu metier digamos. É resultado dunha política de imposición absolutista das grandes liñas do liberalismo económico.

Aínda que conseguiu un resultado positivo, o BE non foi quen de ser a terceira forza política na Assembleia tal e como apuntaban algunhas enquisas ...

O terceiro partido máis votado foi o CDS, o partido de extrema dereita. Mais este resultado é consecuencia da ineficacia do PS e do PSD, que normalmente é a formación política opositora da dereita, conservadora, que consegue polarizar co PS. Mais esta vez presentou unha alternativa moi fráxil, e os sectores máis radicais da dereita concentraron o seu voto no CDS, que quitou temas moi contundentes sobre as pensións dos pobres, sobre os inmigrantes, sobre o combate ao crime e a necesidade de máis policías. Foi con esa axenda que o CDS conseguiu o terceiro lugar nas eleccións.

Cre que se volverán repetir estes resultados nas eleccións autárquicas (municipais) do 11 de outubro?

Non moito. Nas autárquicas habitualmente priman as posicións locais e o balance que se fai da xestión do presidente da Câmara Municipal (alcalde). Tende a haber grandes variacións de voto entre as eleccións xerais e as eleccións autárquicas.

No seu caso, após catro anos de liderar o grupo parlamentario do BE, preséntase como candidato a presidir a Câmara Municipal de Lisboa. Que expectativas ten?

Aspiramos á reelección dun vareador (concelleiro), a ter representación. En Lisboa hai unha disputa moi intensa entre o PS e unha coalición das dereitas, que encabeza o ex primeiro ministro Pedro Santana Lopes. Entón, o noso papel é conseguir representación ao máis alto nivel e creo que o conseguiremos.

As relacións entre Portugal, especialmente do Norte, e a Galiza son moi estreitas, mais durante a campaña electoral xurdiu unha polémica ao respecto do proxecto de conexión ferroviaria de alta velocidade. Cal é a súa opinión neste asunto?

Eu hai moitos anos que teño unha relación moi estreita cos movementos políticos na Galiza, e creo que é moi importante que vaia crecendo o achegamento económico, cultural, social entre a Galiza e o Norte de Portugal, o chamado Noroeste Peninsular. Nas diverxencias existentes acerca do convoio de alta velocidade, nós defendemos a construción da liña que parte de Vigo para o Porto, que moitos aquí, particularmente os partidos da dereita, consideran que é innecesaria e unha carga excesiva para o país. Mais nós cremos que unha maior relación entre Galiza e o Norte de Portugal, e unha Península Ibérica menos centralizada, é un gaño para todos.

Neste senso hai quen avoga por camiñar cara a unha confederación ibérica. Concorda?

Non, non. Non é necesario modificar aquilo que é un legado histórico. O que é importante é o reforzo da autonomía e o respecto ao dereito de autodeterminación de todos os pobos. E en Madrid, no contexto actual, é enfraquecer o centralismo da nobreza. Isto é que é importante.


4,79/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fazenda, co teléfono, nunha sesión da Assembleia da República. Á súa dereita, Francisco Louçã, candidato do BE nas eleccións do domingo
Fazenda, co teléfono, nunha sesión da Assembleia da República. Á súa dereita, Francisco Louçã, candidato do BE nas eleccións do domingo
Luís Fazenda é o cabeza de lista en Lisboa nas eleccións autárquicas
Luís Fazenda é o cabeza de lista en Lisboa nas eleccións autárquicas