A candidata da dereita, Manuela Ferreira, anunciou que tamén cancelará o corredor Lisboa-Badaxoz, e recordou que Portugal "non é unha provincia española".
Debate entre Sócrates e Ferreira
"Cometemos un erro estratéxico" se Portugal suspende as conexións ferroviarias de alta velocidade co Estado Español, reprochoulle o actual primeiro ministro e candidato do PS (centro-esquerda) á reelección, José Sócrates, á Manuela Ferreira Leite.
Foi este sábado, nun debate televisivo, en que a aspirante do PSD (dereita) á Presidencia do goberno portugués anunciou que de gañar o seu partido as eleccións do 27 de setembro paralizarán o proxecto para unir por TAV Porto e Vigo, así como tamén o de Lisboa-Badaxoz que vai cara á meseta peninsular.
Ferreira, no entanto, reprochoulle ao Sócrates que "Portugal non é unha provincia española", insinuando intereses agochados. "Non gosto de españois metidos na política portuguesa", sinalou a conservadora.
"Preocupación" no goberno español
Ao respecto da polémica, pronunciouse este domingo o ministro español de Fomento, o galego Xosé Blanco, que se mostrou preocupado pola polémica. Ferreira Leite considerou tamén este domingo "normal" a preocupación, mais sostivo que negociará co goberno español de saír electa primeira ministra.