O paro, que non secunda a UGT, pretende unha mudanza de rumbo nas políticas económicas, sociais e laborais, tanto no sector público como no privado.
José Sócrates
Portugal afronta esta cuarta feira unha folga xeral, a primeira que se realiza no país luso contra un goberno socialista dende a restauración da democracia, en 1974. A Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses, CGTP, convocou o paro en protesta pola política económica e laboral do Executivo que dirixe o Primeiro Ministro, José Sócrates, que no entanto, non secunda a União Geral de Trabalhadores, UGT.
A CGTP chamou aos portugueses á folga para protestaren polo aumento do desemprego e a precariedade laboral, así como tamén as políticas de flexibilidade nos contratos que pretende implantar o goberno. Ademais, a conxelación dos ascensos automáticos ou a mobilidade dos traballadores no funcionariado, son outras das razóns arguidas pola fronte sindical.
"A evolução do mercado de emprego no 1º trimestre de 2007 fica novamente marcada pelo aumento do desemprego. É o segundo trimestre consecutivo em que se verifica um crescimento do desemprego em termos homólogos e o segundo em que a taxa desemprego é superior à verificada em termos médios na União Europeia a 27", sinalan na súa web.
Seguimento desigual ao longo da mañá
En Lisboa, o metro e as ligazóns fluviais entre as marxes do Texo víronse moi condicionados debido á folga xeral, segundo informa o diario Público, mais o resto de transportes que operan na bisbarra funcionaron normalmente durante a primeira hora da mañá, segundo fontes das empresas.
Até as 8.00 horas, a circulación do Metropolitano de Lisboa estivo totalmente parada e as estacións pechadas. As conexións fluviais polo Texo tamén pararon, fóra de dúas viaxes de ida e volta entre o Barreiro e o Terreiro do Paço, contempladas nos servizos mínimos.
Porén, as liñas ferroviarias na área da grande Lisboa (Sintra, Cascais e Azambuja) funcionaron ao cento por cen, segundo indicou a compañía ferroviaria lusa. A mesma fonte apuntou, con todo, problemas noutras conexións, como na liña do Porto, de Vouga e do Douro.