Estaba previsto que o presidente regresase esta quinta feira, mais agardará a que expire o prazo dado pola Organización de Estados Americanos aos golpistas.
Zelaya, este martes na ONU
O presidente constitucional de Honduras, Manuel Zelaya, regresará ao seu país esta fin de semana, segundo dixo a súa esposa, Xiomara Castro, nunha entrevista coa radio colombiana RCN. "O pobo estaba esperando" que o regreso do mandatario deposto se producise esta quinta feira.
Porén, logo do ultimato de 72 horas dado pola Organización de Estados Americanos (OEA) aos golpistas para a súa restitución, o propio Zelaya afirmou en Washington que regresará unha vez expire o prazo se non se volve á legalidade constitucional.
A Asemblea Xeral da OEA adoptou unha resolución de cinco puntos onde condena "enerxicamente" o golpe militar do domingo, exixe a restitución "inmediata, segura e incondicional" de Zelaya e rexeita o Goberno formado polo novo presidente, Roberto Micheletti.
"A nós sorprendeunos a posición das Forzas Armadas, o xefe das Forzas Armadas mantiña contacto case diario connosco", comentou Castro de Zelaya. "Fíxose unha cortina de fume, trataron de desvirtuar, déronse mentiras" sobre a enquisa non vinculante convocada, afirmou.