O presidente anfitrión, Daniel Ortega, salientou a presenza do presidente constitucional da República de Honduras, Manuel Zelaya, así como os gobernantes de Ecuador, Rafael Correa; o ministro de Exteriores cubano, Bruno Rodríguez e o presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez. "Mañá chegará o presidente de Bolivia, Evo Morales", agregou o presidente nicaragüano.
O presidente Zelaya na inauguración da xuntanza da ALBA en Managua.
Ortega sinalou que "en América Latina e o Caribe estamos feridos e non podemos estar satisfeitos até ver máis cedo que tarde, novamente na súa patria, Honduras, ao presidente Manuel Zelaya exercendo o que o pobo lle encomendou através do voto".
Pola súa banda o presidente Manuel Zelaya resaltou o pronunciamento feito polos órganos internacionais como a Organización de Estados Americanos (OEA) e confirmou que esta Segunda Feira asistirá tamén á xuntanza o presidente mexicano, Felipe Calderón, quen actualmente exerce a secretaria pro témpore do Grupo de Rio.
"Condenamos con todas as nosas forzas ese golpe aos pobos de América, aos pobos do mundo", dixo Zelaya durante o seu discurso.
Agradeceu a todos os gobernos que se manifestaron este día a prol da institucionalidade democrática en Honduras.
"Fixérono con moita integridade: o Mercosul, o Grupo de Rio, o Sica (Sistema da Integración Centroamericana), a Organización de Estados Americanos (OEA) e desde logo os presidentes amigos, os presidentes da ALBA", comentou.
Dixo que "desde Canadá e Estados Unidos até o Cabo do Hornos en Chile recibimos senllas manifestacións de condena e de rexeitamento (ao golpe de Estado)".