O presidente venezuelano, Hugo Chávez, declarou nun acto de ascensos militares na cidade de Maracay, que a oligarquía venezuelana respalda o golpe hondureño e que xustificaría a reedición do golpe de Estado en Venezuela.
Criticou a complicidade das análises da prensa escrita, radio e televisión, os cales, dixo o presidente venezuelano, "están á medida dos golpistas". Algúns media venezuelanas continuan dicindo en Venezuela que en Honduras non hai un golpe de Estado, o que traduciu o xefe de Estado como unha maneira de aboar o camiño para que se dea un novo golpe de Estado en Venezuela.
"Claro, porque eles queren que aquí aconteza o mesmo! É o mesmo formato. Aquí van quedar coas ganas por 200 anos e máis! Se se lles ocorre, verán que atoparán á Fuerza Armada e co pobo", advertiu o presidente venezuelano.
Para facer fronte á trampa da oligarquía, exortou a seguir afortalando a unidade nacional, o pobo, á Fuerza Armada co pobo, á rede de campesiños e campesiñas, de obreiros, de intelectuais, de profesionais, mestres, científicos, pais, nais, a toda a familia venezuelana.
"Trátase diso, cadetes da Escuela Técnica Militar, ministros, gobernadores. Trátase diso: de ter ou non ter Patria. E nós estamos dispostos a ter Patria e a contribuír a crear a gran Patria latinoamericana e caribeña que hoxe é agredida alá (Honduras). Para nós a Patria é América".
Posición de militares hondureños
O presidente, Hugo Chávez, lamentou que militares hondureños non se colocaran abertamente ao carón do pobo, cando xa a Asemblea Xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU) celebrou unha sesión de urxencia para condenar o golpe de Estado en Honduras, e chamou á comunidade internacional a non recoñecer outro Goberno no país centroamericano que non sexa o do presidente Manuel Zelaya.
O presidente venezuelano comentou que hoxe "o pobo está nas rúas protestando, coa lamentábel diferenza que non hai militares hondureños que se coloquen abertamente ao carón do pobo".
Resaltou a existencia de militares patriotas en América Latina, malia que é "unha hora de proba para o pobo e os soldados de Honduras", a quen recomendou "darse de baixa do imperio estadounidense".
"Deben darse de baixa do imperio estadounidense e conectarse coas raíces de Morazán", subliñou, ao comparar aos soldados de Honduras coa estrutura militar venezuelana.
Apuntou que toda venezuelana ou venezuelano debe considerarse un combatente, pois trátase —sinalou o presidente Chávez— de que "todos somos o gran soldado, o colectivo, o gran pobo colectivo. Dese xeito non haberá imperio, gorilismo, pitiyanquismo nin guerra psicolóxica que poida connosco".
Exortou á oligarquía venezuelana a non enganarse, a mesma advertencia que o xefe de Estado lle fixo aos sectores opositores xusto antes do golpe de Estado que argallaron sectores fascistas contra o Goberno venezuelano o 11 de abril de 2002.