Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As chaves da loita do Metal en Pontevedra

Un mes de negociacións e mobilizacións para un conflito enquistado

Patronal e sindicatos seguen sen achegar posturas na redacción do novo convenio en canto ao incremento salarial. A Xunta confía en chegar a unha solución a vindeira semana.

A.Rodríguez - 09:45 20/06/2009

A folga do Metal da provincia de Pontevedra cumpriu esta semana os 13 días de conflito visibilizado na rúa, porque nos despachos leva aínda máis tempo: dende finais do mes de maio, patronal e sindicatos negocian o novo convenio.

Dende que houbo que renovar o convenio, os empresarios mantivéronse firmes trocando case unha vintena dos seus puntos, que querían mudar os sindicatos, por só tres. A patronal apelou á situación de crise económica e os seus efectos para levar os representantes dos traballadores ao seu terreo, e terminar impoñendo unha orde do día: só se habían discutir tres puntos; a duración do convenio, a regulación da xornada laboral e os incrementos salariais.

Comezan as mobilizacións: finais de maio-primeira semana de xuño
Porén, e a pesar deste primeiro acordo significativo entre as partes, as negociacións atrancáronse de novo, e os operarios botáronse á rúa. Primeiro houbo desacordos na duración do convenio. Despois, na regulación da xornada, cando xa se aprobou unha duración de dous anos para o acordo laboral, e os obreiros volveron saír á rúa. Polo medio houbo enfrontamentos coa policía, e primeiras planas en todos os diarios con pneumáticos ardendo e caras tapadas. Os sindicatos defendéronse, sinalando que a prensa estaba a dar unha imaxe errada dos traballadores; e a patronal apelou á "violencia do conflito" para abandonar as negociacións.

Empresarios manteñen unha postura inamovíbel en canto aos salarios
A sexta feira 12 de xuño, os empresarios abandonaban a mesa de negociacións. As dúas partes só estaban de acordo, chegados a este punto, na duración do convenio. O incremento salarial proposto era o que máis diverxencias producía.

Mentres, da Xunta non había resposta. Na mediación só participaba o goberno español, a través do xefe provincial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, José María Casas de Ron; e, por outro lado, o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández -unha figura escollida por patronal e sindicatos. Pero do Goberno Galego nada se sabía. Mentres, o conflito enquistábase máis un pouco: a cidade, paralizada durante días, exixía xustificacións dos responsábeis locais; e o goberno de Vigo desgastábase en declaracións e en respostas á oposición. Mesmo os sindicatos recoñecían que, alén dos traballadores, os vigueses e viguesas comezaban a estar xa fartos do conflito laboral do sector do Metal.

Porén, só ao chegar á sétima xornada de paro no sector, a Xunta deu un pequeno paso, e involucrou na mediación entre ámbalas dúas partes a súa delegada en Vigo, Sonia Molares. Poucas horas antes de chegar Molares á mesa de negociación, o Concello de Vigo decidía, nun pleno extraordinario, pedirlle á Xunta unha "implicación real e inmediata" no conflito -cos votos a favor de PSdeG e BNG, que presentaran a moción, e o voto en contra do PPdeG-.

Vólvense romper as conversas
Na novena xornada de paro, a comezos desta semana, a Xunta decidía entrar un bocado máis no conflito, prestando a delegación da Consellaría de Traballo en Vigo para que se desenvolvesen alí os encontros entre as partes. Mais, cando as conversas estaban mediadas, a patronal decidía abandonar, por segunda vez, as negociacións, ao non haber acordo no incremento salarial, mais tampouco na regulación das xornadas laborais. Viñan de poñer sobre a mesa, por enésima vez, a oferta salarial do 2% para este ano, e dábanlle unhas trazas dramáticas ao conflito, ao sinalar o seu voceiro, Enrique Mallón, o feito de que unhas 100 empresas do sector xa non tiñan fondos para pagar as nóminas deste mes, se o conflito non se resolvía "de inmediato". Ademais deste xiro no seu discurso, a patronal re-introducía unha nota ameazante: se a folga indefinida continuaba, máis de 50 empresas trasladarían a súa produción a Portugal.

No mesmo día, e se cadra facendo un maior efecto, os sindicatos abandonaban a súa vella estratexia de folga indefinida e mobilizacións polas rúas do centro de Vigo, comezando uns paros de media xornada nalgunhas empresas, e ocupando varios concesionarios de automóbiles e talleres da cidade de Vigo, tentando impedir as vendas. Era unha nova liña de desgaste que lle meteu abonda presión á patronal, porque os paros parciais non permiten planificar as xornadas laborais, nin cumprir uns mínimos de produción.

Despois de varias demandas, a Xunta entra a mediar
Na madrugada do 16 para o 17 de xuño, rotas as negociacións, persoas aínda descoñecidas facían estourar un artefacto nun caixeiro en Vigo, prendíanlle lume a un concesionario e lanzaban un cóctel molotov contra a vivenda dun dos empresarios do sector do metal. A patronal vinculou estes feitos cos folguistas, os sindicatos desmarcáronse, e o delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro, negou a relación. Mentres, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que permanecera calada case dúas semanas, falaba de prácticas da Kale Borroka e sinalaba que non lle gustaría que se estivera "batasunizando" a negociación colectiva do sector do Metal da provincia de Pontevedra. Porén, deixou claro que non quería vincular este incidentes "directamente coa negociación no conflito".

O día seguinte, Mato enviáballes ás dúas partes implicadas, patronal e sindicatos, un convite para negociar, por separado, no seu despacho, en San Caetano, na capital do país. Antes disto, de entrar a mediar de cheo no conflito do Metal, o Goberno xa se involucrara no da empresa téxtil Caramelo, algo menos mediático e cun número menor de traballadores afectados (237 sobre os que hai presentado un ERE, fronte aos 40 mil afectados polo convenio do Metal, aínda que ámbolos dous casos sexan, por outro lado, ben distintos).

Aínda que o convite de Mato foi criticado, por empregar a estratexia do "divide e vencerás" -mesmo se reuniu cos tres sindicatos por separado-, era un primeiro esforzo, guiado dende o Goberno, para achegar as posturas sobre o incremento salarial. Porén, para os sindicatos non chegaba coa boa vontade da Xunta. A patronal saíu máis convencida da xuntanza, e o seu voceiro, Enrique Mallón, sinalaba que a negociación sobre a regulación da xornada laboral estaba "moi avanzada", e que ámbalas dúas partes habían facer un esforzo para chegar a un acordo sobre a retribución salarial, pero destacando, máis unha vez, que os soldos deste sector "son os mellores do Estado". Porén, parece que se segue lonxe o 4% de incremento salarial que piden os sindicatos para este ano, xa que a patronal segue inamovíbel na súa proposta do 2%.

Os salarios máis altos do Estado?
En canto ao salario, o do Metal pontevedrés non é o máis alto do Estado Español, se ben está entre os máis elevados. Só supera nas principais categorías laborais a media dos 50 acordos vixentes en todo o Estado. A estas diferenzas seguen a aferrarse os sindicatos para demandar un incremento nos soldos, sabedores de que a crise non está a ter importantes efectos no sector naval, que ten encargos para anos e tira de todo o sector do Metal. Alén disto, xa máis dunha vez sinalaron que os cartos que se perderon nos días de folga son mesmo superiores á porcentaxe de incremento salarial que piden.

Esta fin de semana está previsto que patronal e sindicatos retomen as negociacións, para procurar un acordo final para a vindeira segunda feira. Mentres, os representantes dos traballadores falan de convocar unha folga de carácter xeral se as posturas seguen tan distantes.

Os datos deste conflito

  • O convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra afecta 40 mil persoas que traballan nunhas dúas mil empresas de toda a provincia.
  • A patronal deste sector está formada por cinco asociacións empresariais: Asime, Atra, Foncalor, Instalectra e Feca.
  • Os principais sindicatos, están implicados na negociación son a CIG, CCOO e UXT.
  • Esta sexta feira cumpríase do décimo terceiro día de conflito nas rúas. A Xunta non entrou directamente a mediar até o décimo primeiro día.
  • O punto que máis diverxencias xera é o incremento salarial: a patronal ofrece un 2% para este ano, e os sindicatos demandan un 4%.
  • A patronal apelou ás perdas económicas e ameazou con trasladar a produción de máis de 50 empresas a Portugal se non se aprobaba a súa proposta.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As mobilizacións comezaron a finais de maio, mais na primeira semana de xuño tiveron lugar os enfrontamentos coa policía / Imaxe: Zélia Garcia
As mobilizacións comezaron a finais de maio, mais na primeira semana de xuño tiveron lugar os enfrontamentos coa policía / Imaxe: Zélia Garcia
Houbo unha vintena de feridos a primeira semana de mobilizacións / Imaxe: Zélia Garcia
Houbo unha vintena de feridos a primeira semana de mobilizacións / Imaxe: Zélia Garcia
A cidade de Vigo botouse á rúa o 10 de xuño, para apoiar os folguistas / Imaxe: Zélia Garcia
A cidade de Vigo botouse á rúa o 10 de xuño, para apoiar os folguistas / Imaxe: Zélia Garcia
Finalmentes,  conselleira de Traballo recibiu as partes esta semana / Na Imaxe, dándolle a man a Malvido, da CiG-Metal
Finalmentes, conselleira de Traballo recibiu as partes esta semana / Na Imaxe, dándolle a man a Malvido, da CiG-Metal
Unha imaxe das mobilizacións desta quinta feira / CIG
Unha imaxe das mobilizacións desta quinta feira / CIG