Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Quinta xornada de paro en Vigo

Os traballadores do metal comezarán unha folga indefinida se a patronal non acepta as súas propostas

A mediodía desta cuarta feira acordaron parar tres días a vindeira semana. Se os empresarios non aceptan as súas peticións, o conflito prolongarase.

Redacción - 12:30 03/06/2009
Imaxes dunha asemblea desenvolvida na cuarta xornada de folga, no estaleiro de Barreras

Imaxes dunha asemblea desenvolvida na cuarta xornada de folga, no estaleiro de Barreras

Os traballadores do sector do Metal de Vigo, que manteñen esta cuarta feira a súa quinta xornada de folga non consecutiva, cortaron as principais rúas da cidade olívica como protesta e ante a negativa da patronal a aceptar as peticións dos sindicatos na mesa de conversas sobre a renovación do convenio provincial.

Dende primeiras horas da mañá, os operarios saíron dos estaleiros da ría viguesa -da zona de Teis, o de Vulcano e Metalships; e da de Beiramar, de Barreras-, cortando o tráfico por onde pasaban, no seu camiño cara a Praza do Rei. Alí, por volta das 11h30 comezou unha asemblea xeral na que falaron representantes dos tres sindicatos -CIG, CCOO e UXT-, e onde se acordou facer outros tres paros a vindeira semana. A partir de aí, e se os empresarios non escoitan as reivindicacións dos traballadores do sector, a folga converteríase en indefinida.

Nesta liña se expresaron na asemblea os sindicalistas, que sinalaron que, se a patronal non acepta as súas propostas en canto á mudanza do convenio provincial -un ano de durabilidade e sen falar da conxelación salarial que propoñen os empresarios-, están dispostos a manter as protestas no tempo "o que faga falta".

Posicións afastadas, negociacións rotas
A pasada semana, a Xunta decidía suspender "de xeito temporal" a mediación que comezara entre sindicatos e patronal do Metal, segundo argumentara naquela altura o xefe da Inspección de Traballo na provincia de Pontevedra, Xosé María Casas de Ron, porque as posturas estaban moi distanciadas, "máis non rotas". Naquela altura, os sindicatos decidiran continuar coas mobilizacións, ao considerar que a patronal non estaba, como eles mesmos dixeran, "no límite do que poden ofrecer" para os traballadores.

Daquela, o responsábel da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, insistía na existencia de "mecanismos que recoñece o propio convenio para acordar o incremento salarial que solicitamos; non é certo que os empresarios estean ao límite das súas posibilidades; non podemos aceptar que sexamos os traballadores quen teñamos que pagar a crise", sinalaba.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: