A xuntanza cos sindicatos desta segunda feira terminou sen avances. Ámbalas dúas partes ficaron citadas para continuar na terza.
A patronal do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, confirmou na segunda feira que máis de medio cento de empresas están a barallar a posibilidade de trasladar produción a Portugal, ante os problemas que teñen nos seus centros de traballo, debido á folga do sector.
Así o confirmou o voceiro dos empresarios, Enrique Mallón, ao terminar a xuntanza mantida cos sindicatos e mediadores da Xunta. Mallón denunciou que máis de 50 empresas "estratéxicas", de actividades como compoñentes de automoción, fabricación de bens de equipo ou auxiliares do naval, están pensando en mudarse, ante a "incerteza" que crea o conflito do metal. O representante da patronal tamén sinalou que as compañías que estudan aplicar esta medida teñen todas máis de 150 empregados.
Mallón tamén sinalou que a patronal vai valorar agora o cambio de convocatoria e folga, que pasou de ser indefinida a converterse en paros de media xornada para os días 16, 17 e 18 de xuño en todas as empresas do sector sen convenio propio, agás as asociadas a Instaelectra e Foncalor, onde se manterá a indefinida. Neste sentido, o voceiro dos empresarios recalcou que van estudar se esta folga é "ilegal ou abusiva", xa que lles impide a moitas empresas "programar" a súa actividade.
Nova xuntanza esta terza feira
O edificio administrativo da Xunta en Vigo acolleu esta segunda feira unha nova xuntanza entre sindicatos e empresarios, coa mediación do presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández; o xefe provincial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, José María Casas de Ron; e a delegada territorial da Xunta, Lucía Molares. Así, ámbalas dúas partes retomaron os contactos, despois de que a negociación ficase rota a pasada quinta feira, após máis de 30 horas de xuntanza.
Segundo afirmaron os sindicatos, o encontro serviu para pór de manifesto a vontade de volver ao diálogo, aínda que "non se produciron avances" na negociación. Do seu lado, o voceiro de CCOO, Ramón Sarmiento, apostou por volver "aos mellores momentos" da pasada semana, cando se conseguiu o máximo achegamento entre as partes.
O representante de UXT, Diego Atanes, afirmou que se retomou o contacto, o que supuxo "unha volta á normalidade", ao tempo que valorou positivamente que as partes se volvan reunir esta terza feira, ás 17h00.
Mentres, o responsábel de CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, apuntou que "as espadas están en alto", e advertiu que os sindicatos non queren "quentar moito a cadeira". Neste sentido advertiu que, ou se avanza esta semana na negociación, ou a "teoría do conflito longo" collerá forza.