UXT e CCOO piden un apoio maior da Consellaría de Traballo, e a CIG reitera a súa disposición a negociar. A conselleira Beatriz Mato reúnese esta sexta feira coa patronal.
O secretario xeral de Metal, Construcións e Afíns de UXT, Manuel García, e o responsábel da Federación de Industria de CCOO, Nicolás Pato, reclamáronlle á Xunta e, en concreto á Consellería de Traballo, unha maior implicación, no seu papel como mediadora na negociación para resolver o conflito no sector do Metal na provincia de Pontevedra, mentres que o representante de CIG, Miguel Anxo Malvido manifestou a súa disposición a dialogar.
Os responsábeis do sector dos tres sindicatos reuníronse na tarde da quinta feira en Compostela coa titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen cualificou estes encontros de "positivos". A conselleira manterá un novo encontro esta sexta feira, a partir das 10h00, cos representantes das cinco patronais do sector: Asime, Atra, Foncalor, Instalectra e Feca.
As impresións dos sindicatos, após reunirse con Mato
Así, tras entrevistarse con Mato, García criticou a "falta de interlocución por parte dos empresarios" e o "abandono" da administración galega neste conflito. "Dános a sensación de que veñen -ás reunións- por ternos entretidos" reprochou, e acusou á Xunta de tratar de dar a impresión de que "alguén está intentando mediar" pero isto, dixo, "non é mediación".
No mesmo sentido se pronunciou o responsábel de Industria de CCOO, quen afirmou que a Xunta "ten que se implicar máis do que se leva implicado até o de agora" na negociación e esixiu "máis forza" á súa intermediacin.
Polo seu lado, o responsábel da CIG, Malvido, indicou que a conselleira se interesou polas impresións dos sindicalistas respecto ao conflito e que a súa central sindical lle explicou "algunhas reviravoltas" da negociación. Así, acordaron continuar os contactos na sexta. En calquera caso, o secretario xeral de CIG-Metal manifestou que sempre estiveron dispostos a negociar "cando queiran, 24 horas ao día e todos os días da semana". "Dixemos que cando queiran e cando nos convocasen", sinalou tras indicar que Mato preguntou pola súa disposición para sentar a dialogar.