Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pequeno achegamento no conflito do Metal

Os sindicatos deciden aprazar o paro desta semana para favorecer a negociación coa patronal

Aínda non pecharon o tema salarial, mais os representantes dos traballadores comprometéronse a volver dialogar esta terza feira.

Redacción - 09:30 09/06/2009
Os sindicatos convocaron unha manifestación para esta terza feira en Vigo, en solidariedade coa loita do Metal

Os sindicatos convocaron unha manifestación para esta terza feira en Vigo, en solidariedade coa loita do Metal

No encontro que desenvolveron esta segunda feira os representantes dos traballadores do sector do Metal e máis os empresarios da provincia de Pontevedra, que durou dende as 17h00 até a media noite, houbo un pequeno achegamento entre as partes.

Despois de días de conflito, visibilizado, sobre todo, nas rúas de Vigo, nesta xuntanza os tres principais sindicatos do sector -CIG, UXT e CCOO- volveron amosar a súa vontade de chegar a un acordo coa patronal e, mediante a mediación da Xunta -que prestou a súa delegación da Consellaría de Traballo en Vigo para a reunión, xa que nas conversas só estiveron o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, e o xefe provincial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, José María Casas de Ron-, ámbalas dúas partes decidiron volver dialogar esta terza feira.

Na xuntanza, as partes pecharon as "bases técnicas" para continuar dialogando sobre o convenio colectivo, mais puxéronse de acordo en dous puntos: a vixencia de dous anos do convenio, e a regulación da xornada laboral, segundo un documento que elaboraran o pasado 27 de maio, aínda que "con matizacións xurídicas".

Fica desconvocado o paro desta cuarta feira
A patronal pediulle aos sindicatos que desconvocasen o paro que había comezar esta cuarta feira, e estenderse indefinidamente, recollendo o apoio das grandes industrias do sector na sexta feira -aquelas que teñen convenio propio, coma Citroën (aínda que o Comité decidiu non apoiar o paro), ou os grandes estaleiros da Ría de Vigo-. Polo seu lado, os sindicatos pediron flexibilidade para negociar os aumentos salariais, que son o punto que máis controversias xerou nestas semanas de conversas.

Os representantes dos traballadores finalmente accederon a desconvocar a folga da cuarta feira, como sinal do interese que lles suscita avanzar no proceso negociador. Esta terza feira, ás 17h00, ámbalas dúas partes e os mediadores do Goberno xuntaranse de novo, no mesmo escenario. As negociacións poderían avanzar até a cuarta, se non se chega a un primeiro acordo.

Os empresarios preséntanse cunha oferta pobre, os sindicatos mantéñense na súa demanda
A parte empresarial presentárase a esta xuntanza coa súa oferta máis pequena: a prorrogación do convenio tres anos, o que significa unha conxelación salarial até 2011. Polo seu lado, os sindicatos mantiveron a súa demana dun incremento do 4% dos salarios, e dous anos de vixencia do acordo laboral.

Porén, ámbolos dous lados recoñeceron a súa capacidade de movemento no que respecta ao incremento salarial, aínda que finalmente evitaron precisar cifras.

Tras seis horas de conversas, o voceiro dos empresarios, Enrique Mayón, manifestó a vontade das partes de "achegar posturas" e cualificou de "moi importante" o aprazamento da folga prevista para esta semana, xa que "dá máis tempo para negociar". Pola súa parte, os sindicatos subliñaron que ese aprazamento é unha demostración "da vontade de acordo e de diálogo dos traballadores", e apuntaron que "agora a pelota está no tellado da patronal".

Nova mobilización en solidariedade coa loita do Metal
As negociacións racharan a pasada semana, cando a patronal anunciou unha retirada da súa oferta de incremento salarial (1,9% para este ano, e IPC real garantido para 2010), ameazando con prorrogar o pacto vixente. Daquela, os sindicatos quixeron visibilizar o conflito na rúa, e na pasada quinta feira responderon acrecentando as mobilizacións. Están afectados polo convenio provincial do Metal uns 25 mil traballadores dun total de dúas mil empresas.

Pese ao avance das negociacións desta semana, os tres sindicatos convocaron unha nova mobilización para esta terza feira, na que agardan contar co apoio da cidadanía para resolver este conflito. A manifestación sairá ás 20h00 do cruce de Gran Vía con Urzáiz, e rematará na Praza da Estrela, en Vigo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: