Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
estancamento nas negociacións coa patronal

Oito feridos na quinta xornada da folga do metal en Vigo

Un deles, delegado de CCOO, está aínda hospitalizado no Meixoeiro. Os sindicatos falan dunha folga indefinida, que se estendería a todas as empresas do sector para a semana que vén.

Redacción - 18:30 03/06/2009
En asemblea en Barreras, despois dos altercados coa policía / Imaxe: Zélia Garcia

En asemblea en Barreras, despois dos altercados coa policía / Imaxe: Zélia Garcia

Por volta das 15h00 terminou a última asemblea de traballadores e sindicatos no estaleiro de Barreras, en Vigo. Poucos minutos antes, operarios e policía española enfrontábanse ás portas do predio, lanzando, os primeiros, parafusos; e os segundos, pelotas de goma; nun altercado que comezaba perto das 13h00 na Praza de América, onde os operarios se concentraran pacificamente, e que se foi trasladando até a Avenida de Beiramar.

Os traballadores viñan de participar na primeira asemblea do día, na Praza do Rei. Antes, cortaran o tráfico, intermitentemente, en varios puntos da cidade, de camiño entre os seus postos de traballo e o lugar da asemblea. Finalmente houbo un balance de oito feridos, catro operarios; segundo os sindicatos; e catro policías, segundo a subdelegación do goberno español.

Desta volta, e segundo lle contou a Vieiros o responsábel do Metal de CCOO, Ramón Sarmiento, a carga da policía foi "máis dura do habitual" e "sen mediar previo aviso". "Comezaron a cargar en Praza América, habendo polo medio, ademais dos compañeiros, viandantes, xente dentro dos automóbiles e mesmo nenos. Todo empezou cunha actuación bastante provocadora por parte da policía", sinalou Sarmiento.

Folga indefinida a partir da vindeira cuarta feira
Na asemblea de traballadores e sindicatos acordouse convocar tres días de paro para a vindeira semana, a partir da cuarta feira día 10 de xuño e até a sexta día 12. Nesta última xornada, a folga pasaría a ser indefinida. É previsíbel, ademais, que a sexta feira se unan ao paro todas aquelas empresas do sector do Metal que funcionan con convenio propio, coma os grandes estaleiros, PSA Peugeot Citröen e algunhas empresas auxiliares da automoción, entre outras

Segundo dixo o responsábel da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido na asemblea, os paros irán mudando "segundo nos conveña, de tal xeito que un día convocaremos, e ao outro desconvocaremos, para darlles onde máis lles doa, para que sintan a presión dos traballadores que loitan por un convenio xusto". Pola súa parte, o voceiro de UXT, Diego Atanes, destacou a actitude "radical" dos empresarios, ao tempo que lamentou que a mediación realizada pola Xunta "non foi capaz de facer presión", para que a patronal abandonase o seu "discurso rancio".

O paro continuará até que a patronal acepte as reivindicacións dos tres sindicatos que están presentes nas negociacións (UXT, CCOO e CIG), mais os posicionamentos de cada unha das partes está moi distanciados.

Negociacións distanciadas ante a postura "inamovíbel da patronal"
A pasada semana a Xunta decidía suspender "de xeito temporal" a mediación que comezara entre sindicatos e patronal do Metal, mais sinalando que as negociacións "non estaban rotas". Esta semana houbo unha outra xuntanza, segundo indicou Ramón Sarmiento, entre voceiros de cada unha das partes e tamén do Goberno, que lles anunciara aos representantes dos traballadores un cambio nos interlocutores. Porén, segundo dixo Sarmiento, "a patronal segue parecendo un disco raiado".

"Non mudan o seu discurso, e mentres nós fomos cedendo nas nosas reivindicacións -ao comezo tiñamos 48 pedimentos que eran ben lexítimos, e algúns deles históricos, que fomos aparcando, para falar só de dúas cousas-; eles din que a última oferta que puxeron na mesa -dous anos de validez do convenio, e un incremento salarial por baixo do IPC real- é a que vale, e que se non a collemos, desaparece", recalcou Sarmiento.

Tampouco lle valen a Sarmiento as escusas dos empresarios, que din que debido á crise non poden manter os incrementos salariais que exixen os traballadores, xa que "aínda que a situación económica é complicada, non o é tanto para ceder a un incremento que é factíbel. Hai outras cousas que si supoñen un custo importante para a patronal que aínda non se discutiron, como os intereses que lles pagan aos bancos polos créditos, ou o exceso de garantías que lles piden", sinalou o responsábel de CCOO, lembrando que os sindicatos tíñanlle ofrecido, máis dunha vez, aos empresarios "facer fronte común" para evitar os abusos dos bancos. "Mais semella que a eles -as entidades bancarias- non teñen inconveniente ningún en pagarlles", subliñou.

Esta quinta feira de mañá están organizados novos actos de protesta no que sería a sexta xornada de paro do sector.

Outras informacións da quinta xornada de folga do metal en Vigo:


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Subindo cara a Praza do Rei, onde se desenvolveu a primeira asemblea / Imaxe: Zélia Garcia
Subindo cara a Praza do Rei, onde se desenvolveu a primeira asemblea / Imaxe: Zélia Garcia
Comezando a carga / Imaxe: Zélia Garcia
Comezando a carga / Imaxe: Zélia Garcia
Os operarios refuxiáronse nun centro comercial de Praza América / Imaxe: Zélia Garcia
Os operarios refuxiáronse nun centro comercial de Praza América / Imaxe: Zélia Garcia
Altercados en Beiramar, perto do estaleiro de Barreras / Imaxe: Zélia Garcia
Altercados en Beiramar, perto do estaleiro de Barreras / Imaxe: Zélia Garcia
Enfrontamentos entre policía e operarios ante o predio de Barreras / Imaxe: Zélia Garcia
Enfrontamentos entre policía e operarios ante o predio de Barreras / Imaxe: Zélia Garcia
Algúns dos feridos / Imaxe: Zélia Garcia
Algúns dos feridos / Imaxe: Zélia Garcia