O xurado felicitou a "profunda reflexión sobre a condición feminina" do filme dirixido por Antón Dobao e baseado na novela de María Reimóndez.
Máis de trinta creacións cinematográficas competiron polo premio principal no Festival Internacional de Cinema e Vídeo de Vila Nova de Famalicão. Á beira de títulos chegados de Italia, Canadá, Alemaña ou Estados Unidos, o xurado quedou conquistado pola proposta asinada desde Galiza baixo o título "O Club da Calceta". O filme, unha adaptación á pantalla da novela do mesmo título escrita por María Reimóndez, e dirixido por Antón Dobao, foi merecedor da unanimidade do xurado, que destacou a "profunda reflexión sobre a condición feminina" que ofrece o traballo.
Formaban parte dese xurado as actrices portuguesas Laura Soveral e Suzana Borges, a galega Uxía Blanco, o realizador e director de "Cinemas Digitais" da Galiza, Anxo Santomil, o director do Festival de Inverno da Bósnia, Ibrahim Spacic, o musicólogo João Pereira Bastos, o sociólogo António Colaço e o escritor Fernando Dacosta.
Outros galardóns outorgados durante a cita foron o Grande Prémio da Lusofonia Manoel de Oliveira, que foi para a película "Fernando Lopes Graça", de Graça Castanheira; o prémio de Adaptação de Obra Literária, gañado por "12 Means: I Love You", da alemã Connie Walther; o Prémio Biografia/Documentário, obtido por outra produción alemá, neste caso "Wagner`s Mastersinger Hitler`s Siegfried", de Eric Schulz e Claus Wisemann. Por último, o Prémio Criação Jovem, mereceuno segundo o xurado o realizador famalicense Hélder Magalhães, polo seu filme "Cântico Negro".