Antón Dobao chegou ao cine da man da palabra e da lingua, as súas paixóns o oficios orixinais. Traballador da TVG, onde traballou de lingüísta durante anos, propuxo a realización do proxecto 'Un mundo de historias', co obxectivo de trasladar a imaxes unha serie de obras da literatura galega. Comezou como unha miniserie para televisión de sete episodios, alá polo 1999, con obras de Castelao, Ferrín, Dieste, Fole, Blanco Amor, Casares e Otero Pedrayo. Nunha segunda fase máis ambiciosa, pasouse ás longametraxes para televisión: Pataghorobí e A biblioteca da iguana, baseados en relatos de Xosé Cid Cabido e Xosé Miranda respectivamente.
O pasado ano Dobao dirixiu A Mariñeira, a partir dun relato de Darío Xohan Cabana, que aínda continúa o seu percorrido por festivais internacionais de cinema. Dobao fala claro, ben sexa de cine, de lingua ou de política. Vén de finalizar a rodaxe de O Club da Calceta, unha nova tv-movie baseada na novela de María Reimóndez, e outravolta gravada en galego.
Que pasa co Club da Calceta para que en menos de dous anos unha novela teña xa a súa adaptación para teatro e para cine? Debe ser que a novela o merece. Para min é das obras publicadas nos últimos tempos que ofrece máis posibilidades para adaptar. Ten personaxes moi interesantes que che fan pensar de inmediato nunha película de actrices. A min interésame que o espectador entre en relación con eses personaxes femininos, moi distintas entres si, con conflitos e frustracións moi distintas. E quixen entrar nesas vidas, e ver qué cousas eran as que atrancaban as posibilidades dun vivir normal, e ver como esas mulleres necesitan socializarse nun ámbito, para atopar sentido a esas experiencias e reflexionar sobre a súa condición, trazar camiños e andalos. Nunca sabemos cando falamos de condicionamentos humanos e cando de condicionamentos sociais ou políticos.
Popularmente enténdese que unha tv-movie ten necesariamente unha calidade inferior á dunha longametraxe, pero con A Mariñeira demostraches que se pode facer un produto moi digno, con poucos medios e en galego... Galicia é un país moi pequeno. Se queremos ter unha expresión audiovisual propia, non subalterna, e iso é imprescindíbel, teremos que elaborar produtos ambiciosos dende o punto de vista dos contidos pero modestos nas formas, porque non hai un mercado audiovisual galego contundente como pode habelo noutros países. Existe a TVG e existen outras posibilidades de distribución, pero bótase a faltar a existencia dunha rede de salas de exhibición alternativas, non sometidas ao imperio do mercado, e probabelmente pública, porque esa rede terá beneficios sociais e non económicos. Unha tv-movie non é peor necesariamente ca unha longametraxe; a diferenza é que se rodan en menos tempo e que teñen asegurada a distribución, neste caso na TVG. E despois aínda queda o percorrido dos festivais, como estamos facendo con A Mariñeira.
Levamos anos falando do 'auxe' do audiovisual galego, pero habería que definir o que é, porque de todo ese boom, dese discurso triunfalista, resulta que filmes rodados en galego pódense contar cos dedos dunha man... O que define á literatura dun país é a lingua na que está escrita. Co audiovisual ocorre exactamente o mesmo. O feito de que un director naza en Galicia ou en Estremadura é accidental, que un filme fale de Galicia ou fale doutro sitio tamén é secundario. O audiovisual en Galicia ten que facerse con axudas públicas, e nos últimos anos estas axudas foron destinadas a fortalecer un sector industrial, e deixou totalmente á marxe a lingua, a utilización de recursos propios, ou a relación entre ese campo cultural e outros. Por iso unha película rodada en galego é unha anomalía, pero unha anomalía feliz. Por parte de moitos creadores hai iso que eu chamo 'o discurso do imposíbel', co que se constrúe unha cortina de fume consistente en dicir 'a min si me gustaría facer unha película en galego, pero é imposíbel'. Pois non é imposíbel.
Falando desas adaptacións de obras literarias para o audiovisual, dá a impresión de que é un campo absolutamente desaproveitado en Galiza. Non sei se hai moitas novelas de primeiro nivel na literatura galega, pero si hai millóns de boas historias, de relatos, de personaxes... A Mariñeira, por exemplo, parte dun relato de moi poucas páxinas... O sistema audiovisual de todos os países bebe das súas literaturas, pero en Galicia iso non pasa. Vívese de costas a ese feito cultural e a outros, hai prexuízos. E volvo aquí ao concepto de subalternidade cultural.
Ti traballaches moitos anos como lingüísta na CRTVG. Como vés a lingua que se emprega nos medios públicos galegos. Percibes algunha evolución positiva nos últimos anos? Aínda non hai traballo científico ningún que nos indique cal foi a incidencia que a TVG tivo nos usos e actitudes fronte á lingua, e tamén no seu prestixio social. Na miña opinión tiveron moita importancia e seguen sendo imprescindíbeis. É certo que despois hai un problema entre os emisores e os receptores: hai unha distancia importante entre o estándar oral que se foi construíndo nos medios de comunicación en relación co que poderiamos considerar un aceptábel estándar oral dun galego. É un problema grave: se o espectador medio galegofalante compara o que falan pola televisión coa súa forma de falar, percibe que hai certa distancia. Non me refiro a aspectos de léxico, que son sempre secundarios, refírome a aspectos estruturais, sintácticos, morfolóxicos e sobre todo fonéticos. Se o espectador percibe distancia interpretará que a lingua que el fala non é axeitada para empregala, e estaremos afondando nese prexuízo lingüístico que ao final incide negativamente na transmisión. O razoamento é: 'se a lingua que falo non vale, cal falo? Cal lles transmito aos meus fillos? Esa que falan na TVG? Ou o castelán, que xa o coñezo e xa ten ese prestixio garantido?'.
Un estándar culto é necesario, pero quizais a diferenza que Galiza ten con Cataluña, por exemplo, é que aquí a lingua se mantivo viva nas clases populares... Claro, hai unha distancia, novamente, entre esas clases populares e os encargados de protexer a lingua, e esas clases populares seguirán utilizando o castelán como sinónimo de status mentres iso non cambie. Ese é o gran problema que temos na lingua. Podemos ter mil debates sobre normas, se o galego é unha lingua ou un dialecto do portugués, pero se non hai transmisión acabouse a lingua. Eu non penso que o galego vai desaparecer, mentres haxa un núcleo de falantes conscientes, pero temos que saber que hai ese problema. Se non se reforza a transmisión, non hai nada que facer, por moito que as empresas de súpeto saquen todos os seus escritos en galego.
Quería entrar na polémica normativa, que está collendo pulo nos últimos meses e que está enfrontando aos grupos máis activos na defensa do galego. Cres que é necesaria? Urxente? Creo que é suicida, e lévoo crendo dende hai moito tempo. En primeiro lugar, dáme igual que lle chamemos galego, portugués ou chino, se perdemos falantes. En segundo lugar, non me dá igual. Creo que o galego é unha lingua, e non creo que teña que meterse baixo o paraugas dun idioma de dez millóns de falantes, porque ademais ese argumento da 'lingua internacional' paréceme inzado de prexuízos lingüísticos. A cuestión é 'cremos que o galego é unha lingua ou non?'. Estráñame ademais que este debate rexurda precisamente cando aparecen iniciativas como Galicia Bilingüe, cando o PP está a romper todos os consensos sobre a lingua, ou cando se presentan eses manifestos da 'lingua común', parece que a nosa única resposta a todo iso é este delirante, absurdo e suicida debate.
Vivimos tempos de desvelamento da verdadeira face do capitalismo. Hoxe, máis ca nunca, socialismo ou barbarie? Non sei se socialismo ou comunismo. Está en cuestión un modelo de produción, pero moito máis ca iso: está en cuestión a propiedade. Eu creo que si, que se isto non muda, dirixímonos á barbarie, o que non sei é como será ese socialismo.
Que alternativas hai dende a esquerda? A esquerda segue presa de tremores, segue temendo as ondas expansivas da caída do muro. Por un lado está a esquerda institucional e socialdemócrata, que non sabe ben onde colocarse, porque se queren sentir cómplices da necesidade de refundar o capitalismo. Creo que viviu unha crise mesmo maior cá da esquerda transformadora e revolucionaria, pero tamén é preciso que se deteña a reflexionar sobre os camiños para transformar a sociedade, e sobre que suxeito a vai transformar. A transformación é imprescindíbel, o que non quere dicir que a caída do capitalismo sexa inevitábel. Cómpre redefinir e actualizar o concepto de proletariado. Hai moita produción intelectual sobre isto.
E a praxe? Claro, hai un grave problema de acomodación entre a análise da realidade e os instrumentos de transformación. O ámbito institucional non é suficiente e imprímelle ás organizacións de esquerda unha dinámica perversa, porque teñen que navegar entre a súa función de instrumento do suxeito social transformador e as necesidades da institución, que son sempre de autorreprodución.
Despois de tres anos de bipartito podemos facer balance: este goberno matou moitas esperanzas? Eu prefiro ser optimista e pensar que o PP non vai volver ao goberno. Pero si é certo que cando se erguen unhas expectativas e non se cumpren, prodúcese unha frustración. E mesmo entre aqueles que non tiñan xa moitas esperanzas, a acción transformadora do goberno é tan tímida en todos os ámbitos, que provoca unha frustración real. Non creo que o bipartito perda a maioría nestas eleccións, pero vivimos un proceso que se segue avanzando vai xerar máis frustración. O problema, en parte, é que toda a oposición no Parlamento é de dereitas e moi de dereitas, o que leva ao goberno a accións tímidas. Se houbese no Parlamento unha forza que empurrase dende a esquerda, a actitude do bipartito sería diferente. O PSdeG non é o PSC, segue sendo moi dependente de Madrid. E no Bloque hai certa sensación entre a militancia de deriva e de indefinición. Non sei se vai aparecer outra alternativa...
...pero hai un obstáculo do sistema que é moi difícil de salvar, que é o mínimo do 5%... Eu teño a sensación de que os resultados van ser semellantes aos de 2005, pero nesas organizacións ten que haber debates sobre se, por exemplo, a política industrial deste país ten que basearse en inzar os montes de muíños de vento. Dígoo por simplificar, pero é moi significativo, cando hai toda unha tradición na esquerda nacionalista de oposición a esa colonización enerxética.
Pero aínda que haxa sectores sociais e intelectuais moi adormecidos, si hai sectores moi mobilizados, como se está vendo nas últimas folgas do metal, ou a construción ou o comercio, e condicións obxectivas para o cambio... Condicións obxectivas sempre hai. Hai tamén un antagonismo claro e irreconciliábel entre as empresas e as condicións de vida dos traballadores. Tentar conciliar os intereses duns e outros é moi complicado, por iso primar certas concepcións nacionalistas en relación coas empresas, creo que non é moi adecuado dende o punto de vista da esquerda. Eu estou cos traballadores, non con quen os explota e quen se lucra co seu traballo. Hai sectores que se mobilizan, pero ás veces os aparellos partidarios funcionan como diques de contención desa conciencia.