Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O CLUB DA CALCETA, DE MARÍA REIMÓNDEZ

"Existen redes de solidariedade moi fortes entre as mulleres, pero invisibilizadas"

Este xoves, na Galería Sargadelos, María Reimóndez colleu as agullas e o novelo para contarnos que acontece n'O club da calceta. Acompañárona o editor de Xerais, Manuel Bragado, e a escritora María do Cebreiro, que lle fai o prólogo. Como as seis protagonistas desta novela, non sabemos se "de tese" ou "de ideas", pero dende logo feminista, a escritora tamén calcetou mentres era presentada. Logo, compartiu co público alí presente algún anaco das vidas de Nanda, Luz, Matilde, Rebeca, Anxos e Elvira, seis mulleres con cadansúa vida. Xa o luns o estivera na Libraría Fleming, de Lugo, co editor Manuel Bragado e Marica Campo, e o día despois, venres, á mesma hora, na Casa do Libro de Vigo, co Mª Xesús Fariña Busto, Belén Martín Lucas e Bragado.

- 11:42 28/11/2006
Tags:

A estas alturas do outono, non nos cabe dúbida de que O club da calceta é unha das novidades editoriais maís interesantes. Os libros que subvirten o xénero son unha aposta en Xerais. Como lembrou Bragado, "hai nada presentabamos aquí dz ou o libro do esperma, de Samuel Solleiro. Agora presentamos a unha das nosas mellores narradoras."

María Reimóndez deuse a descubrir co poemario Moda Galega no 2002, que, como indicou María do Cebreiro, "era o que estabamos agardando na poesía galega. Era necesaria nese momento de impasse, despois do auxe dos noventa. María rachaba co entendemento da literatura como subxectividade, como o dominio do íntimo, do individual. Ela cargou un poemario de obxectividade, de realidade: os escaparates de Moda Galega non eran espellos reflectantes, eran feitos, eran xeitos de mirar. María mira para fóra.
Isto reflectiuse despois na súa narrativa, con Caderno de bitácora, as aventuras da capitana m. reimon., gañador do premio Mulleres Progresistas, e precedente da "escritura blog". "Anunciaba xa unha narradora moi orixinal e comprometida", segundo Bragado. Ese compromiso vén demostrado tamén pola súa relación coa cooperación ao desenvolvemento: pronto poderemos vela, com presidenta da oenegué Implicad@s no Desenvolvemento, nunha conferencia en Compostela sobre o microcrédito. Outra das súas novelas, Usha, editada en Xerais o ano pasado, conta a experiencia dunha rapaza galega, Uxía/Usha, na India. Colabora, ademais, como columnista no xornal electrónico Vieiros, n'A ollada ultravioleta. As súas "Crónicas dende a India" foro recopiladas e publicadas, cunha presentación de Anxo Quintela.

Un día de seu
Agora chega esta novela "de tese", segundo Bragado: "caracterízase pola orixinalidade no tema e na estrutura narrativa. É unha novela estruturada en sete capítulos, cada un deles dedicado a unha das mulleres protagonistas, e un epílogo. Cada episodio é unha parte do xersei. A novela é de tese feminista, multiperspectivista e antidogmática, que ofrece unha gran variedade de puntos de vista e rexistros narrativos."

María do Cebreiro sitúaa máis ben como unha novela de ideas, feminista, dende logo, pero na que os personaxes non son estereotipos ao servizo dun dogma. Sinalou a necesidade dun feminismo distanciado dos tópicos, "crítico tamén co propio feminismo. María recorre moito á ironía para ver como, moitas veces, eses grandes discursos sobre "a muller", en abstracto, quedan reducidos a nada. As protagonistas da novela son mulleres moi diferentes, con estilos de vida moi diferentes. Máis ca novela de tese, é unha novela de ideas: non percorre unha serie de personaxes tipo para chegar a unha conclusión. É quen de mirar dentro delas e facer que cada uha desas mulleres teña unha historia que contar. As personaxes son mulleres moi diferentes entre si, como as mulleres somos diferentes entre nós. Diferentes condicións sociais, psíquicas e mesmo físicas."

A escritora celebra que María se declare "feminista por convicción." Non puiden evitar lembrarme de Virginia Woolf mentres lía, e pensei que se fose galega e vivise hoxe, a súa obra máis recordada, Un cuarto de seu, que foi hai pouco traducida ao galego, tiutularíase Un día de seu." Para a escritora, o problema da sociedade de hoxe, tanto para mulleres como para homes, é a xestión do tempo. E María fala sobre isto con moita precisión: ir ao clube de calceta supón un esforzo, pero tamén unha vía de escape para mulleres que non teñen un intre de seu na súa vida. "Hai un momento no que Matilde, unha das protagonistas da novela, quere imaxinar o seu xersei e non dá: " Matilde, iso de imaxinar non o practicou moito." Non temos a posibilidade de imaxinar, de termos vagar e o cuarto de noso."

Mulleres cunha historia de seu
A ruptura dos estereotipos queda patente coa lectura dalgún fragmento: Rebeca, unha das protagonistas, afirma "cando falei por primeira vez de ir a clase de calceta, case se lle saen os ollos das órbitas á miña nai: que se iso era cousa de vellas, que me dedicase a ir ao ximnasio..." É unha muller que se avergoña de ser guapa, porque "odia as ideas que a fan unha privilexiada" por algo que non se escolle, como o aspecto físico. "A xente que calcetamos sabemos que se nos dá un patrón pero despois podemos seguilo ou inventar polo medio", afirmou María. Unha das claves da novela foi partir dos estereotipos: as protagonistas da novela poderían resumirse, nunha primeira visual, cunha etiqueta: "a progre" "a guapa", "a coxa"... Pero a diversidade e complexidade de cada unha delas foi o que María quixo pór sobre a mesa: abonda como exemplo Fernanda, a muller que quere ser condutora do autobús, malia as dificultades físicas.

Coincidiu que esta semana celébrabase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o pasado 25 de novembro. "O libro correo o risco de ser clasificado como "libro sobre a violencia", e a verdade é que trata o tema, pero vai máis alá da punta do iceberg que nos amosan os medios de comunicación: é a violencia estrutural, que todos vivimos e que nos afecta a cotío." Da pregunta: que acontecería se as mulleres reaccionasemos doutro xeito? reside o xogo que se propón na novela. Distintos exemplos (Luz, obrigada a prostituírse pola súa propia nai, Anxos, aturando a linguaxe soez pola rúa), distintos graos dunha mesma violencia que se asenta no sistema patriarcal. "Dá igual o que se acade para as mulleres: sempre, detrás dalgunha esquina, vai haber algún imbécil que lles lembre que non son máis ca un cacho de carne." As seis mulleres están conectadas polos fíos do tecido e tamén polo de Tía Davinia, unha muller do pasado da que ninguén quere falar. Como "remate e costura", afirmou que para ela, o básico no libro é a cuestión da solidariedade. Ela ten vivido a experiencia da solidariedade entre mulleres como motor para cambiar as cousas, e salienta que existen redes de solidariedade moi fortes entre mulleres, pero están invisibilizadas. Para acabar de avivar as ganas de ler O club da calceta, María despediuse convidándonos a pasar "bós momentos calcetando, lendo, ou pensando simplemente."


Ligazóns

2,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: