Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Oriente Próximo: Guerra encuberta

Os servizos secretos israelís poderían estar asasinando científicos do Irán

Segundo publica o 'The Daily Telegraph' citando fontes da intelixencia de EUA, sería unha alternativa ao ataque militar directo contra o programa nuclear iraniano.

Redacción - 11:45 17/02/2009

Segundo revelaron fontes da intelixencia estadounidense ao xornal británico The Daily Telegraph, Israel lanzou unha guerra encuberta contra Irán como alternativa ao ataque militar directo para neutralizar o programa nuclear iraniano.

O goberno israelí estaría a sabotar a cadea de subministración de produtos necesarios para o seu desenvolvemento, coa colaboración de empresas -algunhas europeas- e axentes dobres. A estratexia incluiría ademais o asasinato de científicos e outras importantes figuras con responsabilidades no programa.

Israel é consciente de que coa chegada de Obama á Casa Branca, é pouco probábel que EUA ampare un ataque aéreo sobre instalacións nucleares iranianas. Ademais, a oferta do novo presidente estadounidense de recuperar o entendemento con Teherán descarta calquera posibilidade dunha acción militar.

Un ex oficial da CIA confesoulle ao The Daily Telegraph: "O desbaratamento deseñouse para atrasar os progresos no programa, de tal xeito que non se dean de conta do que está a suceder. Nunca o vas parar". "O obxectivo e adiar, adiar, adiar até que haxa outra solución ou proposta. Certamente, non queremos que o actual goberno iraniano posúa esas armas".

Pouca eficacia da estratexia

Segundo esta información, o Mossad -servizo secreto de intelixencia israelí- podería estar detrás da morte de Ardeshire Hassanpour, un importante científico nuclear, na planta de uranio de Isfahan, en Irán. Hassanpour morreu en estrañas circunstancias en 2007 a causa dun "envelenamento por gas".

Porén, o antigo xefe de actividades contra-terroristas da CIA, Vince Canastraro, mostrou a súas dúbidas sobre a eficacia da estratexia israelí: "Non se pode conseguir obxectivos en política internacional baseándote en operacións encubertas", sinalou. "Non podes desfacerte dun paar de persoas e agardar que isto afecte a capacidade nuclear de Irán".

Irán -que este ano organiza eleccións presidenciais- manifestou en numerosas ocasións o seu programa nuclear ten fins pacíficos, relacionados coa subministración eléctrica do país. No entanto, Israel e os países occidentais cren que os iranianos levan 20 anos á procura da bomba atómica, arma coa que xa contan a maioría deses estados incluído o israelí.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: