"O obxectivo destes exercicios é demostrar que estamos dispostos a defender a integridade da nación iraniana", sinalou o Exército.
Imaxe do lanzamento
O Exército de Irán, o Grupo de Gardiáns da Revolución Islámica, fixeron esta cuarta feira un lanzamento de ensaio dun mísil Shahab 3, cunha "carga convencional dun peso dunha tonelada e un alcance de dous mil quilómetros", segundo anunciou a canle estatal Al Alam.
A proba, que incluía o disparo doutros mísiles, prodúcese nun período de tensión crecente debido á presión exercida polos países occidentais e mais o Estado de Israel sobre o goberno iraniano, en relación co seu programa nuclear.
"O obxectivo destes exercicios é demostrar que estamos dispostos a defender a integridade da nación iraniana", declarou o comandante das forzas aéreas dos Gardiáns da Revolución Hussein Salami.
"Os nosos mísiles están listos para ser lanzados en calquera lugar, en calquera momento, con rapidez e precisión", asegurou. "O inimigo non debe repetir os seus erros. Os seus brancos están baixo a nosa vixilancia", agregou.
Pola súa banda, o portavoz da Presidencia dos EUA para a Seguridade Nacional, Gordon Johndroe, declarou que Irán non pode realizar "novos ensaios nucleares" se realmente quere conseguir "a confianza do mundo".