Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Oriente Próximo

Irán acusa a Francia de "provocación" tras advertir Kouchner do risco de guerra

O ministro de Asuntos Exteriores galo propuxo sancións contra Teherán e sinalou que "cómpre prepararse para o peor". Hai preocupación polo aumento das tensións.

Redacción - 10:53 18/09/2007
O director xeral do OIEA amosou a súa preocupación pola crecente tensión, este luns en Viena

O director xeral do OIEA amosou a súa preocupación pola crecente tensión, este luns en Viena

O goberno de Teherán criticou este luns as "declaracións anti-iranianas" do ministro francés de Asuntos Exteriores, Bernard Kouchner, por "superficiais" e "contrarias á política da UE con Irán".

O portavoz do Ministerio de Exteriores, Mohamad Ali Hoseini, en declaracións á axencia IRNA, dixo que "as crispadas palabras" de Kouchner son unha "provocación" e "tamén cuestionan a credibilidade e competencia do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA)".

Hoseini facía referencia ás declaracións que o domingo fixo o ministro francés nunha entrevista na televisión gala LCI, nas que dixo que se Irán prosegue co seu programa nuclear as nacións occidentais deberían prepararse "para o peor, que é a guerra".

Para Hoseini, as palabras de Kouchner son "un aliñamento coas estratexias inútiles dos gobernantes de Estados Unidos", e advertiu de que "a influencia das insinuacións non realistas e as falsas informacións dos outros (en referencia a EUA) non van servir aos intereses de Francia".

Tensión estrema
Horas antes, a axencia oficial iraniana IRNA, considerada portavoz do réxime islámico, acusou a Francia de "extremismo" e de seguir cegamente as políticas de Washington, preferindo a tensión á procura da paz.

O primeiro ministro, François Fillon, advertiu tamén este luns que a tensión con Irán é "extrema" por mor do seu programa nuclear e ratificou a petición de novas sancións da UE contra Teherán.

"Os iranianos deben entender que a tensión é extrema, en particular na rexión, na relación entre Irán e os seus veciños, na relación con Israel", dixo.

"Ter presente o exemplo de Iraq"
Por outra banda, o director xeral do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), o exipcio Mohamed Al Baradei, pediu ter presentes as leccións da invasión de Iraq e a morte de centos de miles de civís ao advertir dun hipotético ataque militar contra Irán.

"Estou preocupado polo moito que escoitei sobre o uso da forza. Coido que é contraproducente", dixo Al Baradei ante os xornalistas durante a 51ª Conferencia Xeral do OIEA que ten lugar en Viena esta semana.

"Agardo que todo o mundo aprenda a lección tras a situación de Iraq. Un drama diario. Temos a 700.000 civís que perderon as súas vidas polo resultado das sospeitas de que o país tiña armas nucleares. Cómpre ser moi prudentes cando falamos do uso da forza", remarcou.


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: