O vicepresidente Dick Cheney, favorábel a unha acción militar, gañaría forza fronte á da secretaria de Estado, Condoleeza Rice, contraria a ese paso.
A opinión de Rice, xunto coa do novo secretario de Defensa dos Estados Unidos, Robert Gates, é que son posíbeis avances con Irán a través da vía diplomática. Así no último ano, e en consenso co Reino Unido, Alemaña ou Francia, esa sería a estratexia.
Pero agora, e segundo revela o diario británico The Guardian, a presión do vicepresidente Cheney, partidario desde o principio do ataque militar a Irán, gaña forza pola presunta "lentitude" e "falta de resultados" da diplomacia. De paso, os estadounidenses acusan a Irán de colaborar con grupos armados que actúan en Iraq, alén da preocupación polo programa nuclear que desenvolve o país.
Alén diso, os EUA contarían con que se Irán avanza no seu proxecto atómico sería Israel quen estaría no gume de lanzar unha operación militar contra o país. Segundo lle explicou ao xornal o analista Patrick Cronin, director do International Institute for Strategic Studies, as opcións serían: "dille a Israel que non o faga, déixalle facelo, ou fai o traballo ti mesmo".