Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No medio da crise

Citroën deixará na rúa a 3.550 empregados en Francia

Na planta de Vigo, os sindicatos e a dirección acordaron retomar a actividade o vindeiro sete de xaneiro, logo das vacacións de Nadal.

Redacción - 09:00 03/12/2008

A multinacional automobilística PSA Peugeot – Citroën confirmou que o vindeiro ano reducirá o seu persoal en Francia en 3.550 efectivos, en todas as plantas e todas as direccións da empresa. A pretensión é facelo mediante baixas incentivadas e prexubilacións, sen recorrer aos despidos, é dicir, adiantar procedementos que se prevían para un futuro. Con todo, hai unha excepción: a da planta de Rennes que xa está afectada pola caída do 30% das vendas e que perderá 900 traballadores que se recolocarán previsíbelmente noutras instalacións do grupo. A empresa destaca que esta iniciativa responde a medidas de urxencia para reaccionar ante a crise e anuncia que as baixas veñen acompañadas de axudas para a recolocación ou a creación de empresas.

Vigo volverá á actividade tralas vacacións
Sindicatos e empresa reuníronse para confirmar o calendario de xaneiro e xa se confirmou a data de inicio da actividade, que será o sete de xaneiro. A partir dese momento, volverá a haber xuntanzas para concretar novos paros, xa que a situación non mellora. O descenso da demanda e a caída da produción xa provocou que o persoal deixase de traballar varios días de outubro, novembro e decembro. Así, as vacacións de Nadal adiantáronse ao catro de decembro para a liña que monta o C4 Picasso, e para o 11 de decembro para os demais.

Nas últimas semanas deixáronse de renovar centos de contratos e anunciouse a perda de case 900 empregos máis logo da supresión da quenda de noite na montaxe do Picasso a partir de xaneiro. En conxunto, falamos xa dun total de 1.300 traballadores.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: