Logo de cumprir a metade da condena que se lle impuxo estando en prisión preventiva.
Rodrigues e Caamanho, no xuízo a pasada semana
Segundo lle confirmaron a Vieiros fontes de Ceivar, o militante independentista Ugio Caamanho sairá na tardiña desta cuarta feira da prisión de Valdemoro, na que se atopa despois de asistir ao xuízo, xunto con Giana Rodrigues, a pasada semana, na Audiencia Nacional. A súa saída prodúcese xusto 48 horas despois de que Giana Rodrigues abandonase a prisión de Soto del Real.
Caamanho leva en prisión preventiva tres anos e tres meses, e esta mesma semana coñeceuse a súa condena: tres anos por un delito de danos, e 21 meses máis de prisión por falsidade documental. Impoñenlle tamén 1.620 euros de multa por furto de vehículo a motor. Ademais, deberá facer fronte, xunto, con Giana Rodrigues, aos danos que ocasionou a explosión da bomba e os costes do xuízo. Queda tamén inhabilitado para cargo público durante nove anos.
Xa cumpriu a metade da súa condena en prisión preventiva
Un preso non pode estar en prisión preventiva, sen xuízo, máis de catro anos. Se estando en prisión preventiva, se desenvolve o xuízo e se coñece a condena, a persoa obxecto da mesma non pode permanecer en prisión preventiva máis da metade dos días, meses ou anos que esta recolle. É dicir, que Ugio Caamanho sae en liberdade porque xa cumpriu, estando en prisión preventiva, máis da metade da súa condena, ao permanecer no cárcere tres anos e tres meses.
Porén, a sentenza non é definitiva. A defensa aínda debe presentar varios recursos: un primeiro na Audiencia Nacional, e un outro no Tribunal Supremo. De non saír adiante, Caamanho podería volver ingresar en prisión para cumprir o tempo que lle resta. Ademais, aínda está por coñecer a setenza do xuízo por un intento de fuga do cárcere de Cáceres, en febreiro de 2007, e polo que a Fiscalía pide de 5 meses de prisión.
Membros do colectivo Ceivar, da contorna de Caamanho e os seus familiares viaxarán a Madrid esta cuarta feira para recollelo.